19.7.06

Contos de piratas e bibliotecas de Alexandría

Tempo atrás na maior urbe do seu tempo levantábase a Biblioteca de Alexandría, os Tolomeos gastaron enormes sumas de diñeiro para amasar na súa Biblioteca o coñecemento coñecido. Por aquel tempo os libros eran manuscritos e polo tanto moi caros. Unha cidade onde gregos, exipcios, árabes, sirios, hebreos, persas, nubios, fenicios, italianos, galos e iberos intercambiaban mercadorías e ideas.
Porén, a ciencia e a cultura estaban reservadas para uns cantos privilexiados. Toda esta idea dunha biblioteca que aglutinase o saber humano morreu cando finou Alexandría. Dezaseis séculos despois, a humanidade recupera a idea da Biblioteca de Alexandría pero cun par de disimilitudes, a nova biblioteca está aberta a todo mundo (ou case) e a información alí contida está garantida namentres exista o home e incluso despois da súa extinción.

Como é posible que exista tal sitio e que non falen del en ningún medio de comunicación?, por que os pensadores actuais non se congratulan pola súa existencia?, por que os líderes políticos (xefes de estado ou relixiosos) non instan á xente a que a utilicen?...

-------------------------------------------------------------------


Dende moito atrás existe o colectivo que os gregos chamaron piratas (que significa “os que atacan”), toda época e todo lugar contaron cos seus propios piratas. Estes tiñan como principais pasatempos asasinar, queimar e saquear.

Na actualidade parecían case extintos, pero dende as institucións gobernamentais, a prensa e a opinión pública, alértasenos de que os piratas manteñen a súa actividade aínda que substituíron o seu medio natural, unha complexa mestura de átomos de hidróxeno, osíxeno, sales e microorganismos varios, por un composto moito máis sinxelo, que consta de uns e ceros. Que saquean a obra intelectual dos autores e plántanlle lume ata matar as súas ideas.


-------------------------------------------------------------------


En aparencia ambas historias nada teñen en común, pero de feito ambas falan da mesma cousa. As redes p2p, do inglés peer to peer (entre pares). O sistema funciona así, unha persoa de calquera parte do mundo comparte un arquivo (literatura, música, cinema...), outra, con conexión a internet, pode facerse cunha copia da obra que servirá á súa vez para que máis persoas obteñan a súa e así perdure na rede a través das persoas que a comparten.

Cando estudabamos falábasenos da importancia de Guttenberg e da súa imprenta, unha revolución que reducía e moito o costo das copias dunha obra, porén seguían sendo caras. Agora co formato dixital o costo dunha copia é ínfimo.

Así pois calquera persoa que poida permitirse unha conexión de banda ancha poderá ter acceso a unha importante fracción do coñecemento humano, fracción que medra exponencialmente.

Así se unha persoa no máis recóndito do planeta azul posúe unha copia dunha película silente de principios do século vinte pode doala (sen necesidade de desprenderse dela) á Biblioteca (rede p2p) e o resto da humanidade tería libre acceso a tal obra.

O concepto parece fermoso, é fermoso, pero non todos teñen esta visión da Biblioteca como transmisora de cultura e despois de ateigala de gasolina botan man o peto para sacar o chisqueiro e prenderlle lume novamente á Biblioteca de Alexandría (agora Biblioteca da humanidade).

Que clase de delincuentes poderían facer cousa tal? Pois todos os políticos e xentes de ben, medios de comunicación e autores contemporáneos. Para eles a Biblioteca non é máis ca unha embarcación de piratas que posibilita o desfalco e a destrución. Con frases do tipo “Unha sociedade vale o que valen as súas ideas”, pretenden transmitirnos o precioso mensaxe que a cultura é para os que poidan pagala, a Biblioteca é un lugar sen localización que se basea nun sistema onde se comparte a cultura sen que ninguén saia economicamente beneficiado, e isto como ben nos recordan as autoridades está moi mal, aínda que a efectos legais é completamente lexítimo. A forza de seguir botando gasolina están tentando que deixe de ser legal e poidan por fin prender o chisqueiro e acabar con este antro de colaboración e cultura.

Como coa lexislación actual non se lles permite achegar o chisqueiro aceso á gasolina, conseguiron polo menos poñer un porteiro na entrada da Biblioteca que terma polos nocellos aos depravados usuarios do recinto demoníaco e recolle as moedas que van caendo, fosen destinadas a facerse unha copia do material dos seus protexidos ou de calquera outro, eles quedan cos cartos. Así, se eu tomo unha copia do Nosferatu de Murnau da Biblioteca, que non está suxeita a dereitos de autor, teño que pagarlles de todas maneiras (a cupletistas varios maiormente). Non teño moito mundo pero de onde eu veño a iso chámaselle roubar.

Tales abusos, lonxe de ter o seu axustizamento, son enaltecidos e postos coma necesarios para que a sociedade manteña o valor monetario das súas ideas.

Aínda por riba de que che cobran por beber do río que é de todos, acúsante de ladrón de auga.

Tódolos medios, líderes políticos, autores (que se supón deberían ter como maior anhelo a difusión da súa obra)... no mellor dos casos calan ou reivindican a redución a cinsas da Biblioteca. Non hai máis que unha pequena parte do pobo que reivindica á Biblioteca, o resto saca as súas copias como quen comente un furto, convencidos de que están roubando o figo de figueira allea cando a árbore da orde das moráceas é tan súa coma de calquera outro.

Recuperamos a Biblioteca de Alexandría, pero catro gatos cheos de pulgas non poderemos evitar que lle volvan prender lume. Son tempos nos que o fillo dunha egua e un burro é o símbolo da liberdade para algúns de nós e a reencarnación de Lucifer para os que teñen o poder, os cartos e as ideas remuneradas.

3 comments:

  1. Es nuestro deber montar una nueva biblioteca de Alejandría, pero que esta vez todo el mundo tenga derecho a acceder a ella y que nadie tenga cortapisas para entender los mensajes comunicativos. El arte es lo más grande del ser humano, es su esencia y no debería ser negado a nadie bajo ningún pretexto.

    Me pasaré asiduamente, David_Holm, el galleguiño se entiende bastante bien ;)

    ReplyDelete
  2. Sigues gustándome mucho.

    ReplyDelete
  3. Saludos a ambas.
    doodd, espero que la Biblioteca dure (y crezca) mucho aunque no tengo demasiadas esperanzas.
    Sarm, si es que cuando un mensaje está bien argumentado...

    Aburiño

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...