27.7.06

Links comentados

Enlaces silentes

Cine-Clásico (foro de cine mudo) (Castelán)
Un dos poucos sitios de intercambio p2p que teñen un foro propio para o cinema silente, información ampla e ordenada.

Silentera.com (Inglés)
Web que se centra exclusivamente no cine mudo, promete moito máis do que ten. Sección de biografías (directores, actrices, actores...) con poucos nomes e menos información, arquivo cun número dunha revista de 1915 e outro de 1916, fichas pobres das películas... Excesivamente centrada no cine americano, parece ter un interese máis comercial. A súa lista das 100 películas do mudo está ateigada de películas USA, con disparates tales como que non aparece ningún traballo nin de Stiller, nin da época sueca de Sjöström, ausencia de varias obras mestras europeas, os grandes directores soviéticos están en posicións inadecuadas... Porén toda web adicada o mudo é benvida, espero que se poñan as pilas aínda que despois de 6 anos online non cabe esperar grandes cambios.

Silent-Movies (Inglés)
A través de esta web podemos acceder a varios sitios interesantes do cine mudo, dende the silent movie multiplex onde poderemos descargar películas ou extractos delas (todas películas de dominio público), a calidade de imaxe é bastante baixa. En Silent Ladies & Gents, temos acceso a unha base de datos de 1400 estrelas de cine mudo con máis de 15000 fotografías. Pódese acceder tamén as páxinas de "Fatty" Arbuckle, Harry Langdon, Mabel Normand, William Desmond Taylor e D. W. Griffith, amais do Historical Profile, onde podemos ver o perfil de varias estrelas, directores, guionistas e produtores, e unha páxina adicada o slapstick. Preponderancia absoluta de estrelas norteamericanas.

Diario moderno deste conde xermánico onde acostuma a falar sobre o cine silente, con interesantes análises de filmes non demasiado comúns e demais divertimentos aristocráticos e decadentes. Todo un referente do silente na Internet.

Pasión Silente (Castelán)
Outro blog moi interesante, Autodefínese coma un lugar de para a divulgación e o análise do cine mudo. Neste inicio de andaina centrado no cinema dinamarqués.

The Bioscope (Inglés)
Completísimo blog sobre o cinema primitivo e silente, ocúpase tamén de festivais e conferencias. Levado polo historiador Luke McKernan. Ten incluso unha interesante sección onde invita á xente a expoñer as súas preguntas sobre o cine primitivo e silente, en especial as relacionadas coa historia.

Filmografías
Traballos que recollen o material silente dispoñible na rede ED2K, cos seus respectivos enlaces para poder obter unha copia privada.

Filmografía de Cine Mudo de bluegardenia (Castelán)
(1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10 e 11)
Magnífico traballo de bluegardenia para divxclasico, é a decana deste tipo de recompilacións. Como está aloxado no seu propio espazo web é accesible a todo o mundo, rexistrados ou non en DivXClasico. Reparto, dirección, cartel e comentario (as veces inclúe a sinopse do filme) conforman a información que aparece en cada ficha, amais dos enlaces a imdb, FH e DXC (estas dúas só accesibles ós rexistrados).

Filmografía do Cine Mudo de satantango (Castelán)
A filmografía máis ampla (en canto a número de enlaces) que hai na rede, feita para cine-clásico aínda que está aloxada en sitio propio, varios centos de películas conforman este traballo de recompilación. Nas fichas constan director, reparto e as veces fotografía e montaxe, amais dos enlaces a súa ficha en IMDb e Silentera e outras webs de información como biografías, páxina do director, de algún membro do reparto... especial atención ós magníficos carteis.

Enlaces de cine

IMDb (Inglés)
Completísimo sitio de cine, ten unha inmensa base de datos de películas, directores, actores, guionistas... Indispensable, toda a produción mundial de cine ten en IMDb o seu sitio, incluídas por suposto as películas silentes.

Filmportal (Alemán)
Portal do cine alemán, con moito e moi interesante material (carteis, storyboards, fotografías de rodaxe...) , imprescindible para os amantes do cine silente alemán (dende o expresionismo ata o Kammerspielfilm).

DivXClasico (Castelán)
Un dos meirandes foros p2p adicados ó cine clásico. Moito material de cine clásico, contemporáneo (tentando manter certa calidade), series... O único que se lle pode achacar é a falta de orde, con só dous subforos (máis o de cine experimental) para cubrir máis de cen anos de cine e varios fíos por película. Un dos seus puntos fortes son as filmografías, de directores, actores e actrices, técnicos e temáticas, elaboradas polos propios usuarios, son unhas magníficas ferramentas de consulta; porén algunhas están moi desactualizadas, de grandes como Murnau, Lang ou Bergman, aínda que outros usuarios se ofreceron a actualizalas seguen nun estado lamentable. Web imprescindible para os amantes do cine clásico. Dende hai pouco é unha comunidade pechada, accesible soamente ós rexistrados (o rexistro está pechado e permanecerá así tempo), o hosting non podía co tráfico que tiña a web en aberto.

Cine-Clásico (Castelán)
Páxina para compartir cine a través do p2p, caracterizada pola calidade do material e a orde, cun crecemento espectacular nos últimos meses (xa anda nos 10000 usuarios). Ten subforo de clásico, cine actual, animación, experimental e cine mudo. Sección de filmografías moito menos extensa que a de DivXClasico aínda que máis actualizada. Recentemente tivo que pecharse ós non rexistrados pero o rexistro continúa perpetuamente aberto. Gañando día a día en importancia.

Karagarga (Inglés)
Magnífica web cun material interesantísimo para descargar (torrent), especialmente dedicada ó cine experimental e silente, literatura, cómics e música. É necesario rexistrarse para acceder, o rexistro é mediante formulario ou invitación.

Internet Archive (Inglés)
Macropáxina do goberno estadounidense, que reúne unha gran cantidade de información, neste enlace podemos ter acceso ás miles de películas (curtas e demais traballos) de dominio público. Podemos descargar filmes tales como Der Golem (Wegener), Nosferatu (Murnau), Berlin: Die Sinfonie der Großstadt (Ruttman), ...

2 comments:

  1. Mein lieber Herr Holm:

    Dende logo o verán é unha época sorprendente onde, asemade abraiarse a aristocrácia coas últimas modas de traxes de baño que empregan sen pudor as ricas herdeiras xermánicas deste Conde teutón nas praias da "Côte D'Azur" afrancesada, tamén hai ocasión, entre outras mornuras típicas do estíu, de ter agradáveis sorpresas coma descobrer o seu diário moderno-melenudo encol do cinema silente e demáis cuestións do seu interese, que tamén é deste seu Herr Graf.

    Ainda que a aristocrácia, lóxicamente..., non acostuma a dar parabens ou agradecementos as clases obreiras, de tódo-los xeitos é necesário que vostede saiba que éste seu Herr Von gosta moito do seu diário moderno ademáis de levantar o sobrecello coma sinal de recoñecemento máis ou menos xermánico..., pola súas referéncias ao decadente diário aristocrático.

    Por certo... a qué está vostede a agardar pra, por fin, enviarlle a Günthell, o seu listado de nitratos actualizados pra que dese xeito dé comezo un novo e perigoso intercámbio silente interclasista?'!!...

    Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

    ReplyDelete
  2. Un pracer le-lo por aquí, neste recanto por melenudo que sexa sempre será benvido un aristócrata silente, espero que a cousa vaia para adiante e comezar a escribir tan cedo como me sexa posible.
    O enlace ó seu diario moderno era obrigado pola calidade do mesmo.

    Respecto ó intercambio interclasista, dicir que estou intentando axilizalo o máis posible, nesta semana morreu o lector/gravador, polo que non podo nin rematar de clasificar os filmes nin de copiarlle as súas posibles peticións. Verei se finalmente foi un acceso cataléptico en lugar dunha morte, se non hai volta atrás terei que mercar outro aínda que tentarei rematalo traballo noutro equipo para que o intercambio sexa nesta mesma semana.

    Saúdos melenudos

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...