6.11.06

The Lost World (Harry O. Hoyt, 1925)


O profesor Challenger (Wallace Beery) mantén que nun paraxe da selva amazónica custodiado por inaccesibles acantilados existe un lugar detido no tempo onde habitan grandes réptiles que se crían extintos. Como da súa última expedición non puido traer ningunha evidencia que corroborara o seu conto, a burla era xeral. Ante tal situación, Challenger decidiu organizar unha nova expedición ao Brasil para probar ao mundo a magnitude do seu descubrimento.

Este é o argumento algo simplificado. Vanse presentando o resto de membros da expedición, centrando a atención na historia amorosa dun deles: o reporteiro do Record-Journal ten unha moza que non casará cun home que non poña en risco a súa vida, así que se embarca na aventura por amor... A historia non é ningunha marabilla e non ten maior transcendencia no filme, de feito, non fai senón entorpecer o que verdadeiramente era importante, os monstros. Así a Warner (que adquiriu a First National en 1932), tempo despois, estreou unha versión reducida a unha hora (62 min), eliminouse unha parte importante da metraxe, mantendo as escenas dos monstros, quedando a película lonxe de perder sentido con esa mutilación. Durante anos esta copia foi a única dispoñible, actualmente pódese contemplar na súa práctica totalidade.

O traballo de O’Brien, por tanto, é o máis interesante deste filme. Todo o que transcorre entre a breve introdución do propio Conan Doyle (poucas oportunidades máis de velo en movemento) co seu canciño, ata a aparición do primeiro monstro é accesorio. O’Brien utiliza, con bastante mestría, a técnica Stop Motion. Consegue así que seres doutro tempo cobren vida cun realismo impropio daqueles tempos; se ben, está máis conseguido o efecto no caso do Brontosauro que aparece no punto culminante da historia, onde os movementos da besta son moito máis fluídos.

Este paraxe amazónico é un lugar onde a natureza se comporta dunha maneira inhabitual, podemos dicir que leva un comportamento moi humano, é completamente destrutiva, os dinosauros atácanse entre si sen demasiados intereses culinarios, así como a persoas varias, e un sinistro home-mono tenta con tódalas súas forzas acabar coa expedición do Profesor Challenger.

Nunha loita cun saurio carnívoro, un brontosauro despénase ao outra lado do mundo perdido, aterrando nunha lameira que atenúa o golpe. Como nunha famosa película, na que tomou parte o propio O’Brien anos despois, deciden levar á besta a civilización para probar a existencia dese lugar. Namentrtes o profesor Challenger explica ante a selecta audiencia a inminente chegada do colosal animal, este foxe da súa gaiola disparando o pánico en Londers (como tamén sucede nesa famosa película rodada anos despois, con outro animal e outra cidade). Mostrase tremendamente colérico, esnaquizando todo ao seu paso. Actitude en exceso agresiva para un herbívoro, o dinosauro que aparece no cartel non é o que realmente levan a Londers, pero como xa dixen esta non é unha historia de dinosauros senón de monstros, a elección do brontosauro seguramente veu motivada polo seu gran tamaño. Despois de estragar parte do mobiliario urbano londiniense, o animal chega a Tower Bridge, a ponte cede aos seus pes e cae ao Támesis para perderse por sempre.

Pódese concluír que estamos ante unha película avanzada 70 anos ao seu tempo, onde priman os efectos especiais sobre calquera outra consideración fílmica.








No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...