19.5.07

Nosferatu (F.W. Murnau, 1921) (I...)


Nosferatu é un filme moi especial, foi o meu primeiro contacto co silente. A cada pase paréceme unha película máis marabillosa. De primeiras cumpre coas expectativas do espectador a varios niveis, é un filme moi entretido, aterrador e doado de seguir; aparentemente simple. Nesta suposta simplicidade radica gran parte do atractivo da fita, a pouco que un escarve vai descubrir que é un filme máis complexo do que poida parecer. Destacar esa atmosfera da que fala MurnauVsBuñuel, o simbolismo a moreas que se esconde trala historia e o seu virtuosismo técnico (exemplos na colaboración de bluegardenia ou no blog do Dr. Mentalo). Amais de curiosidades, lendas e conxecturas que tamén comentaremos.

Esta entrada tiña que ter sido publicada moito tempo atrás, pero estamos ante unha das entradas máis extensas (que non pesada) ás que me enfrontarei, cómpre ir despaciño e con boa letra. A dificultade para condensar tal cantidade de información unida fixéronme atrasar a publicación e tomar a decisión de dividir o artigo en varias mensaxes. Recanto Silente non pretende ser un sitio onde se copie ou recicle a información doutros lugares, isto non implica que se comenten por riba as típicas anécdotas e detalles que aparecen en tódalas recensións, pero a intención é a de aportar algo distinto, ou polo menos dende outra perspectiva.

Porén, a pesar da división en varias mensaxes, é moi probable que quede todo un pouco caótico. Se así fose, unha vez terminado xa faría unha reestruturación.


Uns apuntamentos

O título completo da cinta é Nosferatu, eine Symphonie des Grauens (Nosferatu, unha sinfonía do terror). Como ocorrera con Der Januskopff, Nosferatu é unha libre adaptación, neste caso do Drácula de Bram Stoker. Como xa fixera anteriormente, na adaptación de doutor Jekyll e Mr. Hyde, mudáronse os nomes dos protagonistas e cambiáronse as localizacións: Jonathan Harker (Hutter), Minna Harker (Ellen Hutter), R. M. Renfield (Knock) ou o Conde Drácula (Conde/Graf Orlok). Nesta ocasión houbo máis sorte ca no caso de Der Januskopf, se ben a viúva de Stoker interpuxo unha denuncia que gañou e que tivo como sentencia a eliminación de todas copias da película, o filme estaba suficientemente distribuído para chegar aos nosos días cunha metraxe considerable.

Cabe salientar algo respecto ao elenco e lugares. Dende a súa estrea (o 2 de marzo de 1922), Nosferatu foi vítima de continuas remontaxes, onde se variaron duración, nomes dos sitios e personaxes (para adaptalos aos obra de Stoker). Á saída do libro de Lotte Eisner, Murnau (1973), onde se reproducía o guión orixinal, púidose comprobar que a copia de Nosferatu que había naquel momento distaba moito da estreada no 22. Iniciouse entón o proceso de restauración que culminou en 1995 coa súa emisión no festival de Cannes. Así, é habitual atoparse nos libros con análises de Nosferatu sobre antigas copias incompletas e con nomes de sitios e personaxes ben dispares, incluso en fichas actuais do filme se poden ver estes tipos de erros. Sen ir máis lonxe na edición española do filme (distribuída por Divisa, cuns terríbeis rótulos ao nivel dos que lle fixeron a Caligari) podemos ler no reparto cousas como Jonathan Hutter, que en realidade só ten apelido; o armador Harding e Lucy Westrenka, quitando que en todo caso sería Westenra, o primeiro é simplemente o armador Harding, a segunda que é a súa irmá (en case tódolos lados danlle o visto bo ao incesto), nin tan sequera ten nome no filme; Knock Renfield, é o mesmo caso que Hutter, simplemente Knock; por último falar do Dr. Sievers, o personaxe que interpreta Gustav Botz non ten nome no filme, pero si nos créditos iniciais. Non só Divisa se refire a este reparto, ducias de páxinas na internet, nas que se inclúe incluso a mastodóntica IMDb, presentan un reparto cheo de incorreccións. Filmportal aporta outro nome para a irmá do armador Harding, Ruth e separa os Westrenka (volve a aparecer o k) con guións. Teremos a prudencia, pois, de tomar como única (e lóxica) referencia o propio filme á hora de referirnos aos personaxes.
Tamén vemos a cidade como Bremen, cando realmente transcorre no ficticio Wisborg, ou incluso se lle dá nome ao que escribe o diario, Johann Cavallius (no filme non figura ningún nome), xa intentaremos discorrer máis adiante sobre a posible autoría deste diario.

Pódese pensar que en calquera caso son cousas menores (e en parte así é), pero normalmente veñen asociadas a múltiples reciclases de información, análises sobre copias incompletas, antigas remontaxes... Polo tanto, aínda que pareza que hai moitísima información na rede e nos libros, na maioría de casos podemos falar de repetición de (des)información. Unha revisión partindo da propia película restaurada non estará de máis, en contra do que pensaba nun principio.

Empezamos...

2ª Entrega

3ª Entrega
4ª Entrega

1 comment:

  1. Te he dejado un encargo en mi blog...
    Y te mando un beso grande.

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...