6.6.07

Nosferatu (F.W. Murnau, 1921) (II)

Comezaremos facendo unha breve introdución dos actores principais do filme:

Elenco



Max Schreck (1879-1936) como Graf Orlok

Maximilian Shreck, nado o 11 de xuño (outras fontes apuntan ao 4 de setembro) en Múnic, fíxose como actor na compañía teatral de Max Reinhardt (como o propio Murnau). O seu apelido significa "terror" en alemán, curiosamente a súa carreira cinematográfica tirou por aí. Casou coa tamén actriz, Fanny Normann, que ten unha pequena aparición neste filme (é a enfermeira/monxa que atende a Hutter). Morreu dun ataque ao corazón o 26 de novembro de 1936 na cidade que o viu nacer.
Indiscutibelmente, Schreck é un dos grandes atractivos do filme, conseguindo unha inquietante caracterización do personaxe. A súa excepcional actuación, con eses movementos particulares e a estraña expresión facial, fixo que derredor da súa figura se levantasen todo tipo de especulacións: dende que Max Schreck era realmente un vampiro, lenda que deu pé a película The Shadow of The Vampire, ata que o actor non era outro que o propio Murnau actuando baixo pseudónimo. Obviamente todo isto non deixa de ser unha curiosidade, Max Schreck fixo máis películas, algunhas delas aínda se conservan. Calquera pode constatar a súa existencia, aínda así, nalgúns sitios séguese a manter que a día de hoxe ninguén sabe quen era realmente.



Gustav von Wangenheim (1895-1975) como Hutter

Ingo Clemens Gustav Adolf Freiherr von Wangenheim tivo unha carreira curta. Dezaseis filmes forman a súa filmografía, aínda que traballou en proxectos tan importantes coma este Nosferatu ás ordes de Murnau, Romeo und Julia im Schnee de Lubitsch, Schatten de Robison ou Frau im Mond de Lang. Despois de abandonar a actuación deu o salto á dirección con cinco títulos, xa no cinema sonoro. Para os tres primeiros escribiu el mesmo o guión. Foi o Primeiro Director do Teatro alemán de Berlín despois da Segunda Guerra Mundial.
Seu pai, pola contra, ten unha amplísima carreira como actor, Eduard von Winterstein (Eduard Clemens Freiherr von Wangenheim) participou en máis de duascentas producións, debutando no 10 con 31 anos. A súa última película foi pouco antes de falecer, en 1960, cando contaba con 89 anos.
O fillo de Gustav tamén tivo unha aparición na gran pantalla, foi en 1999, nunha película na que tamén traballou como guionista, o documental Der Einstein des Sex.


Greta Schröder (1891-1967) como Ellen

A carreira cinematográfica de Greta Schröder naceu da man de Max Reinhardt no filme Die Insel der Seligen (1913). Ata os anos 20 non volvería traballar na interpretación, porén fíxoo nos guións dos filmes Zucker und Zimmt (1915) de Lubitsch xunto co propio director berlinés e o seu primeiro marido Ernst Matray, e Das Phantom der Oper (1916), dirixida por Maltray. En 1920 coincidiría con Paul Wegener en Der Golem, e un ano despois contraería matrimonio co actor e director prusiano. Antes de participar en Nosferatu, tivo un primeiro contacto con Murnau en Marizza, filme perdido. A súa relación co silente acabaría en 1923.


Alexaner Granach (1893-1945) como Knock

Jessaja Granach traballou nunha vintena de filmes en Alemaña. Co ascenso do nazismo abandonou o país, instalouse en EEUU a mediados dos 30 facendo carreira en Broadway e Hollywood.
O actor austrohúngaro interpreta un papel complexo, un home enigmático, exaltado, esaxerado nas formas, frenético, tolo...

A historia de Drácula e os vampiros é moi coñecida, tanto na actualidade coma a principios dos anos vinte. De todas maneiras, unha película non pode partir do suposto de que o espectador xa coñece os vampiros, debe de ser contada para alguén que nada sabe. Da mesma maneira que un espectador ten que contemplala libre de prexuízos, esquecerse de que está baseada nunha historia que xa coñece.

Imos seguir a estrutura en actos do filme, deténdonos cando sexa preciso.

I. Akt


O filme comeza coa lectura dunha crónica da alta mortaldade en Wisborg no anno Domini 1838 do Noso Señor.

Nosferatu

Se cadra a palabra non che soe coma o grito nocturno dun paxaro de mal agoiro. Mais gárdate de pronunciala ou as imaxes da vida esvaeceranse nas tebras. Soños fantasmais medrarán dende o teu corazón e alimentaranse do teu sangue.
Este primeiro acto quedará para as presentacións, de personaxes e historia. O relato parte dende a parella formada por Hutter e Ellen na cidade de Wisborg.

Hutter camiña apurado ao traballo, atópase co profesor Bulwer:

Non corra tanto, mozo!
Ninguén fuxe do seu sino.
Aparece por vez primeira un tema que será recorrente ao longo do filme, o destino. Bulwer avísalle a Hutter de que hai un plan para el, un do que non poderá escapar.
O mozo é un empregado do sinistro axente inmobiliario Knock, que despois de volver ler unha carta que recibiu, chama a Hutter para comunicarlle que o Conde Orlok, de Transilvania, desexa mercar unha casa en Wisborg, o rapaz terá que viaxar ata alá para pechar o acordo. Un primeiro alto no camiño para falar sobre esta carta:

Que son eses garabatos?




Na correspondencia entre Orlok e Knock vemos unha escritura tal que esta, non son garabatos ao azar pero tampouco podemos asegurar que transmitan unha mensaxe coherente. Non se corresponden a ningún código coñecido, pero si parecen inspirarse nas cartas codificadas típicas da nobreza dos altos Tatra. Nela, Orlok fala sobre a súa viaxe e os seus obxectivos. A utilización de símbolos máxicos potencia a interpretación esotérica do filme, inda que para min o motivo da súa inclusión ten outra vertente. Como xa dixemos antes, nada incomprensíbel para un espectador carente de formación en segundo que campo ía ser un obstáculo para a comprensión do filme. Máis adiante poremos algún outro exemplo (non se tiña por que recoñecer o código máxico, nin a historia dos vampiros, nin ter visto unha película na súa vida...). Esa outra interpretación que fago do seu uso é que esta escritura no filme débese a que a cábala é incomprensíbel por igual a calquera espectador sexa de onde sexa. A parte da carta que necesitamos coñecer de inmediato é transmitida por Knock a Hutter, nada máis ca iso precisamos, por outra banda, Knock si sabe algo máis do que lle (nos) conta a Hutter.

Que vantaxe ten esta escritura respecto ao alemán? Á parte do xa comentado, o filme non ía só destinado ao mercado xermano, o resto de escritos que aparecen e que o autor quere que leamos aparecen en primeiro plano facendo ás veces de intertítulos, son facilmente substituíbeis en cada país pola lingua autóctona. Mais cando estes escritos aparecen na propia acción do filme, os amaños son máis complicados e de resolución a miúdo inaceptábel. Máis tarde, Murnau en filmes como Der Letzte Mann, Faust ou Tartüff (xa cunha clara intención de exportación) víase obrigado a rodar varias veces certas escenas, nas que aparecen palabras (xa sexan en pasteis, escritos infernais ou frascos de veleno) en diversos idiomas (principalmente inglés) para que fosen comprensíbeis no país de destino. En Nosferatu, coa utilización da escritura máxica, Murnau evítase estes inconvenientes e tamén calquera chafullada que puidesen facer nos países onde se fose a proxectar para facer comprensíbel a lingua xermana aos seus espectadores. Nosferatu chegaría nas mesmas condicións a calquera lugar.

Knock le pensativo o escrito de Graf Orlok namentres lle da voltas ao maxín, move os ollos sen rumbo ata que os pousa fóra de plano. Xa ten a resposta. Chama por Hutter:

O Conde Orlok, Señor de Transilvania...
desexa mercar unha casa na nosa pequena cidade...

Poderías gañar moitos cartos...

Só requirirá un pequeno esforzo...
unha pouca suor, e tal vez...
un chisco de sangue...



Hutter mostra o seu carácter confiado, moi contento por esta posibilidade de medrar economicamente. Knock cóntalle a Hutter que Orlok quere unha casiña bonita e solitaria, sinala a través da fiestra a que se atopa enfronte á de Hutter e Ellen, esa será a que lle teña que ofrecer o mozo ao Conde. Comprendemos agora a dirección da mirada. Por certo, non existía tal fiestra, a estrutura púxose diante da cámara.

Con esa ilusión, abandona a oficina para facer a equipaxe e partir cara Transilvania.

Hutter emprende unha viaxe con destino aos Cárpatos. Murnau outra que ten como obxecto explicar a utilización das tinturas antes de que Hutter chegue ao castelo de Orlok. Nova parada na nosa andaina:

Película en branco e negro? Non, home, non
Aquí escribín un mellor texto ao respecto—


Moitas veces foi proxectada Nosferatu en branco e negro, grande erro. Na época silente era habitual a utilización de virados para aportar unha información extra que o branco e negro non daba. Así, combinábanse co negro (en lugar do branco) o amarelo, azul, verde, vermello, rosa... coa fin de situar a escena, xa fose nun tipo de iluminación, nun lugar ou mesmo nun estado de ánimo. Se ben a utilización de tintados é habitual e podemos falar dun certo estándar, non todos os autores os utilizan da mesma maneira, polo que é necesario que sexa o propio filme o que nos ensine ese código de cores. Tamén resulta capital a súa utilización nun filme onde todas as escenas en exteriores foron rodadas de día, aínda que non en todas é de día na historia.

A momentánea despedida entre amados supón un drama para Ellen, é como se a moza puidese presentir que algo malo está por chegar. Hutter segue co seu carácter desenfadado, resta dramatismo á súa marcha e parte ilusionado.


Á súa chegada aos Cárpatos (anunciada por un intertítulo) notamos por vez primeira un cambio de cor. Na panorámica das montañas o amarelo que viña acompañando ao negro nos fotogramas, trócase polo azul. Aínda non sabemos que quere expresar a tintura, podería ser a cor de Romanía ou a cantidade de luz. Chega a unha pousada, ao entrar volve a aparecer o amarelo, xa podemos empezar a pensar que os viraos veñen asociados á iluminación, natural ou artificial. Despois de beber dun trago a copa que lle serven, pide que lle traian a cena axiña (case que ningunha dúbida xa), ten que partir cara o castelo de Orlok. Ao escoitar cousa tal, os aldeáns que estaban a tomarlle unha quedan aterrados. O pousadeiro aconséllalle que non prosiga ata o día seguinte, o lobishome vaga pola fraga. Hutter aínda que non cre nada do que lle di (sorrí con certa tenrura ante a superstición da xente), dálle a man. Quedará alí esa noite.

Un lobishome que non é lobo nin home



Herr Pumple non utilizou un home embutido nun disfrace, nin imaxes dun lobo, nin tan sequera dun can. Elixiu unha hiena, en concreto a variedade Hyaena hyaena, que se caracteriza polo seu vestido a raias. Por que elixiu este animal e non un cánido (o grupo das hienas está remotamente emparentado cos cánidos, se ben, conserva un parecido importante), é polos trazos do seu rostro, neste exemplar en concreto, moi antropomórficos. Ningún cánido lle proporcionaba este parecido cunha faciana humana e outros animais con máis parecido a un humano carecían de trazas propias dun lobo. A hiena era a mellor opción.

Hutter chega á súa habitación, asómase á fiestra, os cabalos están axitados ante unha estraña presenza. Cambio de plano que nos amosa un grupo de mulleres, aterradas polos mesmos motivos, todo ao seu arredor parece saber do destino do moz agás el. Na mesiña de noite hai un par de libros, colle un deles, bótalle un ollo por riba e vólveo deixar para coller o outro:


De espíritos aterrados por vampiros,
sortilexios e os sete pecados capitais
Da semente de Belial xurdiu o vampiro
Nosferatu que, como tal, vive e aliméntase
do sangue da humanidade. Irredento mora
nas covas terroríficas, cámaras funerarias
e ataúdes mentres estean cheos da terra
maldita dos campos da negra morte

En Hutter pode máis o sono có inquietante relato. Completamente destemido pecha o libro para durmir. O personaxe de Hutter non deixa de ser un "home medio", non é para nada particular. A intención disto é a identificación do público co mozo, compórtase como o faría a maioría de nós. Así, Murnau utiliza de cando en vez o mozo para dirixirse directamente ao espectador. Neste caso, sen ir máis lonxe, dísenos o que é un vampiro (lembran o de nada sabemos?). En certa forma, Hutter é un espectador máis, preséntanos aos personaxes, lévanos aos lugares pero... case que mellor retomarei isto no seu momento (advertindo ao lector que xa o tocaramos liñas atrás) para manter unha certa orde e non falar de cousas que aínda non vimos.

Sobre O libro falaremos máis adiante, ten bastante importancia na historia, cando teñamos máis base para sacar conclusións. Cal é o motivo de que ese libro estivese aí? Non pensemos que é unha argucia de Murnau para aforrarse apertos, para acelerar o desenrolo dos acontecementos. Deixemos unha pregunta con resposta: Que aparece sempre no caixón da mesiña de noite dos moteis nas películas norteamericanas? A Biblia.

O amencer tráenos unha nova tonalidade, a luz que entra pola fiestra bate na faciana de Hutter facendo que se esperte á alba. As tonalidades azuis da noite deixan paso aos rosados do amencer que darán paso aos amarelos do día. O mozo achégase á fiestra, os mesmos cabalos que corrían con inquedanza a noite anterior, agora trotan alegres. Volve coller o libro, le o título, e lánzao con forza contra o chan, "andrómenas!", sorrí.

Parte contra o castelo nunha carruaxe. Os condutores chegado un punto do camiño deciden non seguir, o seu temor ao que hai alén da ponte é máis forte ca todo o ouro do mundo. Hutter volve sorrir ante a demostración de superstición, colle o seu vulto e emprende o último tramo a pé. As tonalidades rosadas indícannos o lusco e fusco, a noite está a piques de chegar.

Esa ponte supón algo máis ca unión de dous lugares, supón o punto de unión (ou mellor dito de separación) de dous mundos, a moitos niveis, incluso na vida de Hutter. Atrás a súa vida pasada, diante, o seu futuro.

Unha construción non natural mestúrase, confúndese, cun acantilado. Esta asimilación, infección incluso, vai ser unha constante no filme. Montaxe en paralelo, unha carruaxe por un lado, Hutter polo outro. Prodúcese o encontro:

Viaxando a cámara rápida


Baixo un virado azul chega a carreta levada por un estraño ser a pés de Hutter. Murnau acadou sobradamente a súa meta, coñecemos o código de cores antes da aparición do vampiro.

Co tempo, por convenio, no cinema a cámara rápida acabouse aceptando como un artefacto de comedia. Aumentamos a velocidade de reprodución, unha musiquiña estúpida, e xa temos unha escena pretendidamente cómica. Todo isto non deixa de ser un prexuízo, deses que convimos desfacernos ao principio.
Canto máis afastado estou do cinema "contemporáneo" máis libremente podo gozar dos filmes silentes, cada vez que vexo esta escena máis axeitada me parece, hai que "desaprender" o que sabemos de cine para aprender a ver os filmes. O ideal sería ir virxe a cada proxección.

A utilización da cámara rápida dota á viaxe dunha compoñente sobrenatural, ninguén que coñezamos se move desa maneira, por veces a carruaxe parece reptar polos camiños.

Vexamos a secuencia. Neste primeiro plano os elementos xogan unha mala pasada a Murnau. Só a carreta ten que moverse dunha maneira sobrenatural, para que isto suceda, basta con deixar a von Wangenheim completamente quieto á espera da súa chegada. Podemos dicir que o resultado a nivel global é satisfactorio, nós fixámonos no elemento en movemento (os cabalos tirando do carro) e Hutter e o bosque pasan a formar parte dun fondo inerte. Pero se en lugar diso, reparamos no mozo, vemos como o vento se salta o guión, axita o abrigo de Hutter a esa mesma velocidade sobrenatural. Non se consegue por completo o contraste buscado, porén, tampouco podemos falar dun intento infrutuoso. Contraste que vemos tamén cando Hutter saca a cabeza fóra do vehículo, acertadamente vémolo nun primeiro plano, segue esa marcha frenética pero os xestos do noso, por agora, protagonista non está acelerados.
Para completar este fantástico traxecto, a película pasa en negativo dotando á fraga dun aspecto irreal, máxico. Para que non mudara tamén a cor das vestimentas de cabalos, coche e condutor, foron recubertos de tea branca.

Hutter chega ao castelo. Non é este o momento exacto no que termina o primeiro acto, falta unha presentación (Orlok), pero esa breve secuencia será mellor atacala co segundo, no que Graf Orlok toma o protagonismo.

No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...