6.6.07

O mañá de Recanto Silente

De cando en vez non está mal escribir sobre o que está por vir:

O máis urxente é rematar co Especial Murnau (neste intre máis preto da saída ca da meta). Como xa está sucedendo con Nosferatu, outros filmes polo moito que teñen que comentar serán divididos en varias entradas, aínda que é presumible que ningunha chegue á extensión do vampírico filme. Falta algunha entrega de "O cine de Murnau en carteis" que será publicada en breve, en "Reminiscencias silentes" repasarémolo filme de Edmund Elias Merhige, Shadow of the Vampire (2000), película de ficción ambientada na rodaxe do filme, apoiándose na lenda que nos presenta a Schreck coma un auténtico vampiro; Werner Herzog fixo outra adaptación de Drácula baixo o nome de Nosferatu: Phantom der Nacht (1979) onde a figura do Conde está inspirada no Orlok de Murnau, tal vez a inclúa tamén. Seguramente haberá algún outro "Check your attic" máis,  recentemente chegaron ao meu fogar os evanxeos do murnauismo.

Estes evanxeos do murnauismo non son outros que os dous volumes que constitúen "Los proverbios chinos de F. W. Murnau" (Luciano Berriatúa, 1990). Xa terán a súa propia entrada dentro do especial Murnau, nunha nova sección adicada á literatura sobre cinema, que está tan verde que nin sequera pensei nome para ela. Como xa dixen outras veces, a intención de Recanto Silente é evitar os refritos de información, polo que demorarei a lectura de certas partes do libro ata que teña escrita a entrada correspondente a ese filme, para que o comentario non se vexa contaminado por apreciacións do autor que un non atinou a ver, xa haberá tempo despois para correccións e adicións.
Neste especial nacerá unha nova sección, Retratando con palabras, o título é suficientemente descritivo de por si, adicada ao personaxe de Graf Orlok.



Dende hai xa demasiado tempo teño pendente unha filmografía para foros p2p do xenio de Silbodal, antes de rematar o traballo quero ter comentada a súa produción silente (practicamente a totalidade da súa carreira de director), polo que este verán verá a luz un Especial Victor Sjöström en Recanto Silente e a (des)esperada filmografía en Cine-Clasico.com e DivXClasico.com (enténdase coma recompilación de enlaces ás copias existentes na rede eD2K, información biográfica e comentarios sobre os filmes e o estado das copias). Este especial incluirá os filmes: Dödskyssen (1916), Berg-Ejvind och hans hustru (1918), Terje Vigen (1917), Klostret i Sendomir (1920), He Who Gets Slapped (1924), Confessions of a Queen (1925), The Scarlet Letter (1926), The Wind (1928) e unha que é case máis un "Check your attic", The Divine Woman (1928), da que só se conservan nove minutos (algo máis, media hora se conserva de Dödkyssen). Estas acompañarán a Körkarlen (1921), primeiro filme sobre o que escribín aquí. Quizáis algún "Check your attic", non sei, pero de seguro un filme dentro de "Reminiscencias silentes", Bildmakarna (2000), onde Bergman retrocede no tempo para amosarnos a Sjöström e Lagerlöf nos preparativos da súa adorada Körkarlen. E como non, en "Retratando con palabras", o personaxe David Holm.


Dende hai tempo pensei pasar este verán ás sombras expresionistas, como queda claro, hai aínda moito "traballo" atrasado, polo que aínda que poida comezar con el este estío, a cousa vai para longo. É un proxecto que me supera amplamente, o concepto de Expresinismo alemán no cinema non está en absoluto claro para os historiadores, non é de esperar que se chegue a porto, pero o importante non é o destino senón a viaxe, nunca será un traxecto inútil, aínda que non avancemos na definición e/ou clasificación, polo menos revisitaremos grandes filmes.
Este primeiro esbozo de cabeceira é indicativo da complexidade da clasificación, parece que Das Cabinet des Dr. Caligari é o único filme inequivocamente expresionista, traballaremos con polo menos unha trintena de films susceptibles de seren expresionistas.
O "estudio" constará de dúas fases, unha a priori tentando esbozar un modelo teórico e unha conclusión a posteriori extrapolando o modelo do estudo dos filmes (no improbable caso de sacar algo en claro). Ningunha das dúas fases será sinxela, canto máis precisa é a definición dun movemento artístico tanto máis complicado é poder incluír unha obra no seu seo, pode darse o caso de que extrapolemos certas características dos filmes pero que non consigamos adaptalas a ningún modelo expresionista. De calquera maneira o importante é falar de cinema e que o lector/debatinte poida colaborar dando a súa opinión, se se chega ou non a destino, será case o de menos.

Sempre me apaixonou a capacidade de transmitir unha mensaxe, unha historia, definir uns personaxes... en poucas páxinas, o relato, o conto. Por iso Edgar Allan Poe é un dos meus escritores predilectos. Baseándose nalgúns destes contos temos material (cos que hai por agora dispoñibles) para que o Especial Poe estea constituído por: Der Student von Prag (1913) ("William Wilson"), Unheimliche Geschichten (1919) (a terceira parte inspirada en "The Black Cat"), The Fall of the House of Usher (1928/I) e La Chute de la maison Usher (1928).


Coas viaxes á lúa como protagonistas, ímonos centrar en dúas obras, Le Voyage dans la lune (1902) de Méliès e Frau im Mond (1929) de Lang. Dous grandes filmes cun nexo común, ese satélite terrestre, pero que pouco máis teñen que ver, "Le voyage dans la lune" unha película de fantasía (que non de ciencia ficción) e "Frau im Mond" que poderíamos cualificar como thriller de ciencia ficción. Penso en aderezar este especial cunha galería de escenas cinematográficas coa presenza do satélite, e un "Reminiscencias silentes". Ao ser un especial curtiño, podería ser que se concretase en calquera momento, incluso durante algún outro especial.


Sigo a pensar sobre a creación de novas seccións, algunha idea interesante pendente de tomar forma anda por aí. En canto collamos algo de ritmo volveremos ter máis participacións en "Voceiros do silencio".

Saúdos e graciñas aos catro gatos que vos pasades por aquí de cando en vez.

2 comments:

  1. Mein lieber Herr Holm:

    1) Non importa a cantidade máis sí a calidade.

    2) Os michos son uns animais de compaña moi apreciados polas clases aristocráticas polo seu carácter independente e Mefistofélico.

    3) Hai gatos con pedigrí coma poidan ser os protagonistas dalgún célebre relato dun escritor pel roxa.

    4) A aristocracia xermánica prestará atención nas vindeiras semanas e mesmo meses ós seus magníficos comentarios silentes, sempre que, obviamente..., a axenda teutónica e as gordas e ricas herdeiras xermánicas así o decidan.

    Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...