28.2.08

Nosferatu, restauración 2007

A finais do 2007 viu a luz unha nova restauración do filme que lanzou a Murnau á fama mundial, referireima a ela coma a restauración de 2007 aínda que o certo é que se levou a cabo entre 2005 e 2006. Un novo traballo de restauración era moi necesario, xa había tempo que sabía do proxecto pero a miña intención non é anunciar aquí os novos lanzamentos en DVD nin polo xeral comparar edicións, para iso temos DVDBeaver, unha magnífica web onde analizan as diferenzas entre edicións. A presente restauración correu a cargo do Friedrich Wilhelm Murnau Stiftung, baixo a dirección de Luciano Berriatúa (autor de “Los proverbios chinos de F.W. Murnau”, libro de cabeceira do murnauismo). En España editouse a restauración do 95 por Divisa, con eses terribles intertítulos (se sabemos alemán podemos quitalos) aos que nos teñen acostumados (Caligari outro claro exemplo), simulando segundo eles aos orixinais, e enervante banda sonora a cargo de Art Zoyd.

Amais do propio traballo de restauración de imaxe que permiten as novas tecnoloxías, cumpría arranxar outros detalles básicos. Primeiro e fundamental, recuperar a velocidade orixinal de reprodución, 18 imaxes por segundo, estamos acostumados a ve-la a 25 e dende logo que a 18 os movementos gañan en naturalidade. De todas maneiras aínda que recuperaran a velocidade de reprodución, ao ter que transferila aos formatos NTSC e PAL, aparece irremediablemente un efecto de entrelazado, que segundo se nos di en DVDtimes non é apreciable a velocidade normal, eu non diría tanto, pero é aceptable. Outra cousa a corrixir era o tempo que permanecían os intertítulos en pantalla, Enno Patalas, autoenganándose aumentou o tempo dos intertítulos para ter o mesmo número de fotogramas que a versión orixinal, loxicamente era un erro, aínda recuperando unha parte moi importante da metraxe orixinal, hai escenas que non se conservan, ese autoengano non facía máis que romper o ritmo da película. Afortunadamente, cando son intertítulos propiamente ditos (e non tomas de libros ou cartas) para a presente edición reduciron os tempos. Só restaba algo que incomprensiblemente non tiña ningunha das edicións sobre a restauración do 95, a banda sonora de Hans Erdmann, varias musicas modernas a cada cal máis molesta acompañaban as exquisitas imaxes de Nosferatu, agora, afortunadamente, podemos gozar tanto do sentido da vista coma do oído. Todo o que lle botaba en falta ás edicións anteriores foi sabiamente corrixido, estariamos de noraboa se non fora por algo que relato algo máis abaixo. Vexamos algunhas capturas, non son frames exactos, pero ben me valen para ilustrar o que teño que dicir. A primeira corresponde a restauración do 95 (Divisa) e a segunda á do 2007 (KINO, segundo disco, o que leva os intertítulos en alemán):


Vemos que os tons das tinturas son algo diferentes, ademais hai algún caso no que as cores (non tons) non se corresponden en unha e outra versión, pode ser que me quedara algunha outra atrás pero apreciei as seguintes diferencias. Cando Hutter chega á súa habitación no albergue, e xusto antes de entrar en plano Emilie Kurz coa vela, na nova restauración vemos o azul que indica que a habitación non está iluminada, e cando esta aparece cambian ao amarelo. Na do 95, xa dende o principio a habitación está iluminada:

2007

95


Aquí certamente paréceme un acerto da nova edición, polo xeral os cambios de tintura só se producían co cambio de plano, a única excepción na edición do 95 é cando na casa dos Harding un golpe de vento que move a cortina apaga a vela, namentres esta está acesa temos o amarelo e unha vez esta se apaga pasa ao azul (con algo de retardo), este caso é similar, moi ilustrativo. Pero hai outra diferencia, esta en favor da restauración do 95 e que me parece o erro máis grave desta nova restauración. Vexamos capturas da secuencia completa da do 95:

Amence (por tanto tintura rosada), Hutter desperta, aséase.

Non sabemos se tería almorzado, ou se sae directamente para partir. Xa é de día, tintura amarela.

Saca a cabeza pola fiestra da carruaxe, aínda amarelo.

Vista ao ceo, está escurecendo (rosados propios do solpor)

Os cocheiros deciden non continuar, mantéñense os rosados ata que Hutter supera a ponte.

Co paso da ponte chega a noite.

Agora vexamos o incrible erro da restauración 2007:

Amence (por tanto tintura rosada), Hutter desperta, aséase.

Sae, como dixemos antes non sabemos o tempo que puido pasar, se saíra directamente aínda podía estar amencendo, así que neste caso darémoslle o beneficio da dúbida, e aceptamos este rosado. Pero...

Xa está ben avanzado o camiño e manteñen a cor rosada, incomprensible.

Hutter advirte ao cocheiro que está anoitecendo, que se dea présa. Seguimos cos rosados do amencer!

Bang! No plano do ceo onde se nos amosa que está a escurecer, e cando deberían cambiar do amarelo ao rosado, fan o contrario, meten o amarelo (habían de ter marcado aí un cambio de tintura pero...).

Os cocheiros deciden non continuar, mantéñense os amarelos ata que Hutter supera a ponte a pé.

Co paso da ponte chega a noite.


Abraiante!, a noite chegou a cachón xusto despois de amencer. A restauración utilizou coma base unha copia tinguida de 1922 da Cinémathèque Français con intertítulos en francés, completando escenas perdidas cunha copia de 1939 do Bundesarchiv-Filmarchiv tirada dunha copia de exportación checoslovaca dos vinte. Outras escenas saíron da Die Zwölfte Stunde (unha remontaxe sonora dos 30 con novas escenas e sen a autorización de Murnau) atopada tamén na Cinémathèque Français; vamos, nada novo baixo o sol, se non falla a memoria a mesma orixe que a restauración anterior (agás algúns intertítulos feitos pola FWMS imitando os orixinais, para as escenas onde non se conservaban os da copia primixenia). Hoxe en día este proceso de tinguido é dixital, faixe despois da restauración (B/N), non teño datos de se neste caso (o da secuencia comentada) as tinturas figuraban na copia tinguida da Cinémathèque Français (que xa se utilizou para a do 95), aínda que así fose non me cabe ningunha dúbida de que sería un erro de quen tirou a copia no seu día, ou se proceden das outras en branco e negro; de calquera maneira, parece obvio que na presente restauración están equivocadas, fora cal fose a orixe. Descoñezo se xa advirten disto noutra web, non busquei, o artigo escribino offline e só me baixei ao bar para publicar (cousas das redes Wi-Fi, non é que teña que estar bébedo para colgar algo de internet). Vendo o filme ata o final topei máis disimilitudes nas tinturas, farei unha entrada íntegra sobre iso.

Eu, se a información sobre as tinturas é tan escasa como parece, incluso na escena do albergue aventuraríame a comezar antes o amencer. Hutter sentado na cama quítase a bota, aí cortan, noitiña, a durmir. Pasan a unhas panorámicas dos Cárpatos, uns dos poucos momentos do filme nos que a cámara de Wagner non permanece estática. Cambio de plano, un lago entre montañas que se nos amosa mediante un fundido e logo unhas sombras que marchan pola esquerda da pantalla. Non teño claro se a metade desta última toma do lago ou xa aproveitando o fundido (empezándoo en azul e rematándoo en rosado), pero aí é onde me pide a min a tintura rosada. Entenderíase mellor co vídeo pero agora non podo subilo.

Máis aló destes detalles, na 2007 vemos unha imaxe máis limpa, libre da maioría de rascaduras, tamén apreciamos que na do 95 a imaxe está algo recortada (e non sempre polo mesmo lado), a de 2007 ten un problemiña de cropeado no lado esquerdo (esa banda negra que se aprecia nas capturas), aínda que isto é con total seguridade cousa de KINO. O tratamento de imaxe tamén nos descobre un maior detalle en zonas de pouca iluminación, pero nalgún caso ese suavizado que permite unha imaxe máis limpa, resta detalle, como podemos apreciar no seguinte par:


Aínda que tal vez non sexa tal, senón un problema de definición, o vello DVD de Divisa ten unha de 768x576 e o de KINO 640x480.
Como vedes é unha análise trapalleira, non vale nadiña, pero quería polo menos comentar estas cousiñas.

Por agora, temos edición de Eureka na súa colección MoC en versión PAL e a NTSC a cargo de KINO, coas pequenas diferencias de imaxe que se mostran aquí. En canto a extras tamén son similares. Unha galería fotográfica interesante, na que me gustou especialmente a instantánea que acompaña o parágrafo; a comparación de como se resolve a chegada ao castelo de Hutter/Harker na novela de Stoker, o guión de Galeen e o filme de Murnau; extractos dalgúns filmes de Murnau, un pequeno vídeo sobre a restauración e un máis que interesante documental de Luciano Berriatúa “Die Sprache der Schatten” (“A lingua das sombras”), sobre os primeiros anos de Murnau e Nosferatu. Nel trátanse algunhas cousas que ían (van) formar parte deste repaso que estou facendo de Nosferatu e o resto da obra de Murnau. Non vou a entrar en profundidade agora nos contidos do documental, porque terá a súa propia entrada no futuro, ademais de que aínda defendéndome na lectura, sonvos bastante duro de oído co inglés, esperarei a ter uns subtítulos (só presentes cando hai algún testemuño en alemán) ou poder ve-lo nalgún idioma que entenda ben. De todas maneiras é curioso (ou sendo menos benévolos, lamentable) que participando TVE, está producido por Manuel Cereijo en asociación coa Filmoteca de Madrid, non o pasaran pola televisión estatal.

Quede esta entrada para deixar constancia de que seguimos vivos e con gañas de continuar. Antes de marchar aproveitar para mencionar algo do que se fala no documental e sobre o que estiven recompilando información, non xa este último Nadal, senón o anterior, non é outra cousa que as localizacións de Nosferatu. De forma un tanto rudimentaria, dediqueime a buscar fotografías de Wismar (o Wisborg do filme), Lübeck e o Castelo de Orava na rede, páxinas turísticas e demais, intentando topar os lugares que aparecen no filme. A busca foi produtiva e din con algún deles, non sen dificultade porque certas zonas non me terminaban de cadrar coas que vía no filme, ata que souben que Wismar fora bombardeada na Segunda Guerra Mundial, así por exemplo a torre que se divisa na primeira escena do filme non existe xa, o que me despistou para orientarme. Ao final serviu máis coma un pasatempo que para aportar algo, cousa dun mes despois de pasarme horas e horas buscando e comparando fotos, apareceu esta web, onde se mostran os lugares de Wismar que aparecen nas Nosferatu de F.W. Murnau e Werner Herzog, e agora no documental todas as localizacións, con moita máis claridade do que eu podería facelo. Se non publiquei aquel artigo no Nadal de 2006 foi por manter certa orde, tiña pensado publica-lo ao rematar a análise do filme (que como tantas outras veces, non esperaba que se demorara tanto), xa sopexarei se ten sentido publica-lo futuro.

Unha das razóns de que se demorara o remate do análise é que cando souben que había unha nova restauración no forno que paliaría os erros anteriores, decidín esperar a que saíra para continuar. Por suposto, a vindeira entrega de subtítulos en galego será Nosferatu, para a nova restauración. Máis cousas teño por aí para este Nosferatu esperando a rematar coa análise, non estiven tan parado coma dá a entender o blog. Un é vítima das circunstancias, e non volverei cometer o erro de dar datas de publicación de nada, pero o sitio segue cara adiante.

2 comments:

  1. Impresionantes capturas, parecen unos tintes bastante logrados. Habrá que hacerse con una copia :-)

    ReplyDelete
  2. Acabo de me decatar de que me esquecera de poñer o vencello á páxina sobre Wismar e os Nosferatus de Murnau e Werzog, xa está posto, é este.

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...