8.3.08

Liberdade


Antes de nada avisar ao lector que este é un offtopic, Recanto Silente non é un blog persoal propiamente dito, ao principio da andaina, naquel verán de 2006, e coma unha das primeiras entradas escribín sobre os incendios que asolaron Galicia, quizais me permita un por ano, este será o segundo. Son consciente de que, dende logo, non é o mellor momento para saírme da temática cando as actualizacións están a ser pobres e espaciadas, o ánimo de continuar co sitio segue alto e non vou a obsesionarme demasiado coa periodicidade das publicacións, xa houbo tempos mellores, quizais os haxa aínda peores, pero non entra nos meus plans desistir.


A ira desperta como ningunha outra cousa en min, as ganas de escribir, non vou a psicanalizarme en busca das razóns, pero así é. Xa o outro offtopic estaba escrito dende ela, e este tamén o está.


O artigo leva por título liberdade, unha palabra que conforme fun medrando e desprendéndome da inxenuidade, foi perdendo beldade. Se un revisa a súa definición nun dicionario, non pode máis que congratularse da súa fermosura, pero a utilización dunha palabra pode esvaecer completamente o seu significado. Trala liberdade, escoitei/lin barbaridades tales coma: “Tienen que respetar nuestra libertad de amar La Fiesta, nosotros no nos metemos con ellos”, por suposto La Fiesta refírese a iso de meter a un touro nun recinto oval, sen escapatoria posible, e vexalo e torturalo ata a morte entre olés, un acto que retrata á perfección a covardía, antropocentrismo e mesquindade da nosa especie. Barbaridades detrás de termos tales coma Liberdade de culto, de pensamento, de expresión... e liberdade lingüística.


Eu se lera liberdade lingüística sen saber o que hai detrás, dende logo que non tería malos pensamentos ao respecto, pero esa liberdade lingüística esconde uns intereses tan escuros coma diáfanos. Ese espírito de liberdade lingüística tivo o seu nacemento na asociación “Tan gallego como el gallego”, xa finada, ou mellor dito reciclada noutras varias, sendo a vertente máis coñecida, Galicia Bilingüe. Todas estas asociacións que din defender a liberdade de elección de lingua na ensinanza naceron coa recente lei que obriga a impartir en Galicia un mínimo do 50% das materias en galego. Só isto, o momento, xa dá a pensar que nada teñen que ver realmente coa liberdade lingüística, a situación do galego na propia Galicia foi de clara inferioridade no sistema educativo ben entrado este sistema “democrático” (poño as comiñas porque non me entra na cabeza que unha democracia se basee na idea de que hai persoas mellores que outras por nacer en tal ou cal familia, por non falar do escaso do rol do pobo...), pero ningunha das persoas que están detrás destas asociacións dixeron nada entón.


Non vou a teorizar, nin retrotraerme a épocas que non coñecín, utilizarei dúas xeracións para expoñer a problemática e o ridículo de falar do galego coma lingua asoballadora. A miña nai estudou en tempos da ditadura de Paquiño, por suposto que non se daba galego na escola e o seu inconsciente uso por parte do alumnado era premiado cun golpe de regra. Instaláronse certos vicios na sociedade, o galego era un “idioma de paletos”, para sachar nas patacas, afastado do ámbito culto. Se un pai quería que o seu fillo se fixera un home de proveito, non podía por máis que falarlle en castelán e evitar na medida do posible que se familiarizara co galego. Aínda hoxe en día dáse ese comportamento, vellos e non tanto, que só utilizan o castelán cando van ao banco ou ao médico, ou cos netos. A miña nai, galegofalante dende o berce, tanto a miña irmá coma a min, namentres fomos nenos falábanos en castelán, e aínda é hoxe o día que cando fala cun rapaciño, non lle sae outra lingua que non sexa o castelán, dende logo non é ideoloxía, é hábito. A diglosia segue estando de actualidade, algúns temen profundamente o tempo no que o galego se instale no ámbito culto, non temos máis que darnos unha volta por Galicia Bilingüe para velo: “yo no tengo nada en contra de esas gentiñas que hablan el gallego sin maldad en las aldeas”.


Xa dixen como eran as cousas nunha xeración nada e educada en ditadura, e agora, fareino noutra nada e educada en “democracia”. Eu nacín xa dentro desa “democracia” e fun escolarizado con ela ben avanzada (no 88), ben é certo que cando me soltaban un regrazo non era polo uso do galego, igual de certo é que o peso do galego na ensinanza era escaso. Reducíase a unha materia, lingua galega, e con sorte sociais, vamos, case coma se fora unha lingua estranxeira, onde estaba Galicia Bilingüe entón? Se aprendín galego foi por conta propia, na miña xeración o que non se molestou en aprendelo fóra da aula saíu do instituto sen competencia na lingua autóctona. Que iso pasara a esas alturas da película era absolutamente lamentable.


Sen dúbida o galego, coma calquera outra lingua, é un ben cultural de incalculable valor e as institucións teñen a obriga de preservala e fomentala. Pero claro, se entra dunha forma real na ensinanza, fálase de imposición, reclámase o dereito dos pais a escolarizar á súa prole na lingua oficial que prefiran, ou sendo o precisos que eles non queren ser para tentaren pasar polo que non son, o dereito a que seus fillos reciban a súa educación integramente en castelán, nun colexio público, en Galicia. É unha imposición o feito de dar a metade das materias en galego? Si, por suposto que é unha imposición, como é unha imposición a matemática, a lingua castelá, dar a teoría da evolución de Darwin... todo iso ten un carácter impositivo, a mesma educación o ten, quizais algún pai prefira poñer ao seu fillo a traballar dende a súa tenra infancia, pero o estado obrígaos a escolarizalo. Aínda que estean moi pero que moi lonxe de facelo, a obriga das institucións é garanti-la educación dos rapaces, e dentro desa educación o galego ten que ter o seu sitio, e eses pais pailáns que queren limitar a cultura dos seus fillos, rexeitando deliberadamente a aprendizaxe dunha lingua, non poden decidir o monolingüismo da súa prole. Un fillo non é propiedade doutras persoas por máis que lle deran a vida, nin pode ser vítima das fobias dos seus proxenitores.


Liberdade para que os pais limiten o acceso á cultura dos seus fillos?, pffffffffff, a liberdade propia cando afecta a terceiros deixa de ser liberdade.


4 comments:

  1. Subscric de la primera a l´última paraula del teu post. Sempre m'han fet gràcia els defensors del biligüisme, que sols apareixen quan veuen amenaçada (¿?) la seva llengua - curiosament, la majoritària- , però no quan l'altra es infrautilitzada o simplement inexistent en sectors com cinema, premsa, tv, etiquetatge...

    També he aprofitat per llegir el web de Galicia Bilingüe. Els seus arguments són patètics. Sembla que la seva principal preocupació és "no acabar como Cataluña", quan aquí l'únic problema que tenim són les mentides que publica certa premsa.

    Sobre la utilització de la paraula "libertad", és sorprenent l'apropiació que n'està fent la dreta més reaccionària. Un dia d'aquests he d'escriure un post sobre el tema...

    Saudos ;)

    ReplyDelete
  2. Encántame que me responderas en catalá (como que cada quen responda neste sitio na lingua que lle resulte máis cómoda), eu só estiven en Catalunya unha semana hai xa moito tempo nunha viaxe da escola (ademais só escoitei falar alemán, é o que teñen as visitas turísticas) e entendín perfectamente toda a túa mensaxe, como entendo os artigos do teu blog e demais escritos interesantes que atopo na rede en catalá (e noutras linguas romances que en teoría non sei), “en mi casa se habla español, a mi hijo si le dan clases en gallego no se va a enterar” ou o exquisito traballo de investigación “españoles en Cataluña, ciudadanos de segunda” de TeleEspe, que aínda se fora unha reportaxe nun programa de humor tería a súa coña, pero pretendendo ser un documental...

    Lerei con gusto ese post sobre a parula “libertad”, que dá para un artigo ben interesante.

    Saluts ;)

    ReplyDelete
  3. Anonymous29/5/08 19:49

    El post empieza muy bien, pero al final se te va un poco la olla.

    Tú mismo admites que lo de dar el 50% de las clases en gallego es una imposición. Vale. En eso estamos de acuerdo. Es lo que es: una imposición, y por eso a mucha gente no le gusta.

    Pero luego parece que lo quieres justificar diciendo que el resto de contenidos de la educación también son una imposición. Y ahí te equivocas. La diferencia con la matemática o la biología es que para esas no hay alternativa. Dos más dos son cuatro en todos los idiomas, y las mofetas huelen igual de mal en todas las lenguas. En cambio el gallego y el español son distintos "medios" o "formas" de educar, no materias (dejando aparte las materias respectivas de "lengua", claro), y por eso a la gente le gusta elegir en ese aspecto, como le gusta elegir otras cosas que tienen que ver con la "forma" en la que se educa a sus hijos.

    Si las hostias con la regla estuvieran impuestas por ley ¿también las defenderías? No, claro que no. Lo que pasa en este caso es que la ley coincide con lo que a ti te parece bien. Pero lo legal y lo justo son dos cosas muy distintas.

    ReplyDelete
  4. Ola, anonymous, benvido (procurade deixar un nome cando fagades comentarios)

    2+2=4 en tódalas linguas, si, pero unha mofeta axeitadamente aseada non cheira mal en ningunha delas. O galego e o castelán non son “formas” nin “medios” de educar, un mestre non expón a súa clase conforme ao idioma na que a imparte.

    Hai certa tendencia, como noutros moitos temas, a falar pola xente, “muchos opinan como yo”, “por eso a mucha gente no le gusta”, “hai muchos gallegoparlantes en contra del decreto”, “a los niños si les enseñan matemáticas en una lengua distinta a la escuchan en casa, no se enteran”... son algunhas das xeneralizacións sen base que se poden ler. Á xente gústalle dirixir a vida dos seus fillos, niso si que che dou a razón, tentan que os fillos enchan as súas frustracións, que se convertan en avogados, deportistas de elite, médicos... e que sexan do mesmo partido ca eles, que profesen a súa mesma relixión, que falen a súa mesma lingua... Pero iso non lexitima que haxa segregación nas aulas, os católicos aquí, os musulmáns alá, os ateos acolá, os pastafaris no cuarto da limpeza... os de dereitas na B, os anarquistas na H... A algúns gustaríalle que así fora, que os seus fillos foran o máis estreitos de miras posible, pero o estado debe (aínda que está lonxe de face-lo), ofrecer unha educación de calidade e aberta, afastada das fobias particulares de cada pai. Despois o rapaz que fale na lingua que lle pete. A entrada está claramente enfocada a mostrar o meu desacordo en que os pais poidan ter a liberdade de limitar o acceso á cultura de seus fillos, o galego non se aprende só na materia de lingua galega.

    O último parágrafo do teu comentario paréceme ofensivo, creo que en ningún momento, en todo o que levo escrito en internet, utilicei a legalidade para defender os meus argumentos, e non fai falla saír deste escrito para ve-lo, por moi legal que sexa “la fiesta” non deixa de parecerme repugnante.

    Saúdos

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...