3.5.08

Compostela silente

O normal é que me decate destas cousas unha vez pasou o día, pero por unha vez... Non sei se poderei asistir, quede constancia por se alguén se anima a ir.


No Teatro Principal de Compostela (Rúa Nova, 21), a partires do vindeiro luns 5 e ata o xoves 8, pasarase un pequeno ciclo de cinema silente, con obras ben coñecidas e amplamente difundidas, pero que só pola proxección en pantalla grande e a música en directo, ben paga a pena.


Sesión única ás 21:00 con entradas á venda dende tres horas antes, a 3 €, tamén se poden mercar a través do teléfono 902 434 443 ou a web de Caixa Galicia. O ciclo estará composto por:



Luns 5, The Circus (Charles Chaplin, 1928)


Chaplin vólvese a enfundar o fungo para facer o protagonista (e dirixir e guionizar) nesta divertida comedia circense. Música: Piano



Martes 6, The Gold Rush (Charles Chaplin, 1925)


The Tramp tamén caeu vítima da febre do ouro, quedando atrapado nunha illada cabana en Klondike, xunto a outros dous hóspedes. Música: Piano e Clarinete



Mércores 7, Steamboat Bill Jr. (Charles Reisner, 1928)


Buster Keaton interpreta e dirixe xunto a Chas Reisner (aínda que sen estar acreditado), outra comedia chea de gags cómicos e acrobacias, onde o aseñoritado William Canfield Jr. visita a seu pai, que cruza o Missisipi no seu vello barco de pasaxeiros, rivalizando coa nova embarcación de King (pai da moza do fillo de Canfield). Música: Piano, clarinetes, guitarra e violoncello



Xoves 8, The Kid (Charles Chaplin, 1921)


Archicoñecido filme que lanzou á fama ao abandonado neno do filme, Jackie Coogan, tenra historia onde o vagabundo perpetuo acolle a un rapaz dende o berce criándoo nas rúas alleo ao éxito da súa nai biolóxica. Música: Quinteto de cordas


Os músicos que aderezarán a velada son: Ao piano Carles Robert (ademais de correr a cargo da composición e dirección), ao Clarinete, Miguel Ángel Marín e Francesc Puig (que tamén toca o saxo), á guitarra e harmónica, José Luis Bieito, Edurne Villa i Alonso ao violín e Gabrielle Deakin ao cello.


Xa en setembro, do 15 ao 19, cando a cidade perde algo de vida, cos exames rematados e dúas semanas antes do comezo do novo curso, ofreceuse outro pequeno ciclo (esta vez de balde) que non se reduciu á comedia, proxectouse Sunrise de F.W. Murnau, Præsidenten de Dreyer (sorpresa) e The General de Keaton e The Kid de Chaplin (si, repiten) abrindo o camiño para este segundo. Esperemos que haxa un terceiro e que a ser posible explore outros silandeiros camiños.


Saúdos

No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...