27.5.08

Pechamos, un anaco


Botámo-lo fecho ata a segunda semana de xullo. Hai preto dun ano xa, falaba do mañá de Recanto Silente, a cousa segue pouco máis ou menos, non levamos un ano parados, pero moitas das cousas que esperaba ter feitas non están nin comezadas. Xa no seu tempo me parecía ventureiro meterme no expresionismo, aínda que fora sen pretensións, así que iso vai quedar aparcado indefinidamente, de calquera maneira, moitos deses filmes si que serán tratados, ben individualmente, ben pertencentes a algún especial sobre algún director, actor, guionista...

O resto do anunciado terá o seu sitio tarde ou cedo. Este verán será previsiblemente pouco produtivo, seguiremos con Murnau, esperemos rematar coa macroentrada de Nosferatu, para a que me decidín a facer un artigo (xa empezado) puramente especulativo a raíz do tema das tinturas, lixeiramente tratado na entrada sobre a nova restauración. Alén do grave erro alí descrito, parece que o momento exacto onde mudar as tinturas non está nada claro, así que repasarei como o afrontaron en cada restauración (que terían que tratar de forma idéntica este tema, pois ambas saíron do mesmo material) e onde creo eu que se debía producir. Pero como xa digo, non será neste estío cando acade o ritmo de publicación desexado (quen sabe se o acadarei algún día).


Como noutras ocasións, o sitio dá a impresión de estar máis abandonado do que en realidade está, sigo tendo ideas en xestación e entradas case preparadas para publicar cando sexa o seu momento. Entre as novidades futuras, teño especial ilusión nunha nova sección de carácter participativo, aínda non lle pensei nome, pero xa está definida. Terá cabida todo aquel que queira contar a súa primeira experiencia silente, a primeira real ou a primeira consciente, dando total liberdade ao autor, aínda que teño especial interese na parte emotiva e no que un se esperaba atopar e o que encontrou realmente. Sería preciso saír un chisco das paredes do blog, porque non me interesa só o relato daqueles que quedaron enganchados, os que dixeron “unha e non máis”, tamén serán benvidos. Coma sempre que Recanto Silente se abre á participación, cada quen pode escribir na la lingua que prefira.


Un saúdo a todos aqueles que, a pesar dos pesares, seguen estando atentos a cada actualización.

No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...