8.8.08

Era así



Para todo hai unha primeira vez, e non sempre somos conscientes dela. O contacto inicial co cinema silente pode marcar definitivamente a nosa relación con el, para ben ou para mal, haberá quen fuxa como ánima que leva o demo (“menos mal que eses tempos quedaron atrás”), quen quede enganchado para sempre (“onde estiveches metido toda a miña triste existencia?”), a quen se lle esperte a curiosidade e quen nin sequera fose consciente dese primeiro momento porque a súa relación co silente foi do máis natural dende a súa tenra infancia.

Haberá quen chegue por recomendación, por idolatría a algún traballador do cinema que empezase no silente antes de triunfar no sonoro, por zapping, por equivocación (que?, esta película que me baixei chámase Sex e non é unha porno?, pois vaia, haberá que vela de todas maneiras despois de tanto esperar), por obriga (escolas de cine, estudos relacionados co arte...) ou por pura arqueoloxía.

Fose dalgunha destas ou doutra completamente distinta, Recanto Silente abre as súas portas para que contes como foi a túa, a primeira real, ou se o prefires, a primeira consciente, ou incluso se o silente sempre estivo na túa vida, como o recordas cando neno. O que te esperabas e o que atopaches, se foi todo un descubrimento ou unha decepción, se remataches farto ou se aínda te animabas a outra, se dixeches: “vaia, era así, xusto como esperaba”, “era así?, se o chego a saber no canto de tirar co tempo...”, “era así, polo menos xa me quitei a dúbida”... Iso xa depende de ti, relatos sen barreiras, sen extensións mínimas nin máximas, podendo incluír fotos e/ou vídeos ao gusto...

Anímate a participar aínda que fose unha das experiencias máis somníferas da túa vida, tes a dirección de correo do sito, esa cartiña da dereita (recantosilente @ gmail.com), á túa disposición. Coma sempre, podes escribir na lingua que prefiras.

Saúdos, non me sexades tímidos.

Artigos:

Arrecendo silente
por David_Holm


No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...