24.11.08

Nerven (Robert Reinert, 1919)



O domingo pasado sorprendeume espetar con este filme nun dos antros corrompedores de ánimas que frecuento. Descoñecía por completo a existencia desta película que xa de entrada asemellaba ser un dos monumentos da cinematografía xermana. Ningún dos libros que teño sobre o cinema alemán de entreguerras, sequera o nomeaba, o de Kracauer con toda seguridade por ser este filme lixeiramente anterior a Caligari (de onde parte o libro), aínda que por outra parte si que bota man dalgún título máis antigo a conveniencia. Onde non ten desculpa a súa ausencia é no “Sombras de Weimar” de Sánchez-Biosca, que trata o período cinematográfico que comprende a República de Weimar (1918-1933), se cadra foi cousa da escasa dispoñibilidade da obra —restaurada no presente ano—.

Nerven é un reflexo do estado de excitación no que vivía Alemaña trala Gran Guerra, mediante o relato dunha historia de ámbito máis ou menos local retrata a situación de todo un pobo. O filme navega polos estados de consciencia alterados, dende a alienación mental transitoria do xardineiro ata a tolemia de Roloff.

Roloff simboliza tódolos males da sociedade, un home adiñeirado, un cacique na cúspide do engrenaxe capitalista, disposto a chegar tan alto como puidera, un ser expansionista, disposto a conquistar, a someter ao mundo. O profesor Johannes é a súa antítese, o apóstolo do pobo como o definen no filme, un axitador de masas, un liberador. O filme, tras un prólogo, confronta ambos discursos. Roloff proclama o seu poderío, a través da súa maquinaria sen parangón pretende conquistar o mundo, pero a súa marabillosa máquina estoura enviando a súa fábrica ao garete, desatando o pánico entre a multitude. No de Johannes, rodeado dunha multitude onde destaca Marja —ex-alumna, irmá de Roloff e revolucionaria conversa—, pararemos un chisco.

"Os pobos choran estrados sobre
os sanguinolentos campos de batalla."



Vemos a Johannes penetrar nunha composición pictórica, sensación acrecentada polo inmóbil conxunto mortuorio, dunha beldade macabra. Unha escena fermosa, creo que aínda melloraría se a cámara non se movera en ningún momento, potenciando así a sensación de pintura animada, pero seguramente non era posíbel mantendo sempre a Paul Bender en plano —era un home bastante alto—.

A historia preséntanos un drama con falsas acusacións, amoríos, mortes e a ineludíbel redención. Cos nervios sempre presentes detrás de moitas das accións dos personaxes.


Cinematograficamente é unha obra notábel. Non hai grandes movementos de cámara pero este feito vese compensado por unha áxil montaxe, a cámara non dá a sensación de ser un elemento inerte que contempla a representación, Lerski, aínda que sen alardes, cumpre co seu cometido.

Mención especial na cinta merece a utilización de sobreimpresións, principalmente nas alucinacións de Roloff con resultados tan brillantes coma estes —sempre en violeta—:



A utilización de intertítulos si que é, como moitas outras veces, excesiva. Da maneira que estaba enunciado o filme non parece sinxelo desfacerse da meirande parte, pero dende logo hai un bo número superfluo deles.

A todo prólogo lle acompaña o seu epílogo, que en verdade non é digno de mencionar aquí, nin chisco de orixinalidade, ademais deixarémolo de lado para non perturbar no máis mínimo aos posíbeis lectores que ata aquí chegaran sen ter visto o filme. O prólogo si que paga a pena, unha mostra da natureza humana e as súas contradicións, sempre moi ligadas aos nervios, fío condutor da película.

No tocante á actuación, tampouco hai moitas fisuras, sendo a máis naturalista a do can guía que lamentabelmente non aparece nos créditos. A única pega que podemos poñer é a actuación de Lili Dominici coma irmá cega de Johannes, ás veces semellando máis unha momia ca unha persoa invidente, nas escenas nas que aparece o can servíndolle de guía a súa actuación gaña bastante, facendo inxustificábel a falta de recoñecemento ao cuadrúpede. En Recanto Silente si que se lle fará xustiza:

Elenco (en orde de importancia)

Can como O can guía

Paul Bender como Johannes

Eduard von Winterstein como Roloff

Lia Borré como Elisabeth (muller de Roloff)

Erna Morena como Marja (irmá de Roloff)

Lili Dominici como a irmá invidente de Johannes

Sobre a copia

Nerven, coma tantas outras, non chegou íntegra aos nosos días. Dos 2637 metros da proxección orixinal unha terceira parte considérase perdida. Para a presente reconstrución (2008), contouse con tres negativos, o meirande pertencente ao Gosfilmofond de Moscú, unha copia en branco e negro de 1646 m, un negativo tinguido do Bundesarchiv-Filmarchiv de apenas 65 e unha copia americana da Library of Congress de 777, onde as cores están degradadas e presenta un efecto de solarización, como se pode ver no seguinte fotograma:



O traballo de reconstrución non debeu de ser cousa doada e aínda que as tinturas foran feitas conforme aos catálogos da época, tendo en conta o pouco material dispoñíbel e que polo que se pode ver no filme —non seguían un único patrón, podémolos ver tanto para reforzar sentimentos como propios dun lugar concreto—, o traballo tivo que ter bastante de especulativo.

Fálase dun primeiro paso pola tesoira da censura, deixando a metraxe en 2054 segundo a oficina berlinesa da censura (1920), a meirande parte do resto de filme perdido ten toda a pinta de quedarse nalgunha remontaxe que buscaba reducir o tempo da proxección (que había ser dunhas tres horas orixinariamente), e como algunha que outra vez, prescindiuse dun dos personaxes, neste caso Richard, o esposo de Marja.

Que o silente siga a nos dar estas sorpresas.

2 comments:

  1. Hola, qué tal,

    Tampoco la he visto, pero la secuencia del vídeo tiene un aspecto impresionante. Lo único que he llegado a ver de Reinert es "Opium". Estas cosas se nos escapan a los melenudos, son más propias de Herr Graf. Seguramente una película ideal para intentar seducir a alguna rica heredera durante su visionado en el Schlọß.

    Un saludo.

    ReplyDelete
  2. MEIN GOTT!!... comprueba éste Herr Graf como los melenudos siguen teniendo a éste aristócrata teutón en sus oraciones ateas, todo un privilegio y placer, bien es cierto..., acertando incluso dentro de sus divagaciones melenudas, acerca de los ideales silentes que profesa la aristocracia teutónica, asunto éste bien preocupante, esto es, el comprobar cómo esos bolcheviques comunistas tienen buena información acerca de las preferencias silentes germánicas, sin olvidarse igualmente de las artes de seducción decadentes y teutónicas...

    Más bizarro ha sido incluso el hecho de que Herr Amaba haya tenido acceso al filme "Opium" de Herr Reinert, un nitrato arqueológico que incluso es difícil de ubicar en el archivo silente del Schloss, hecho éste que seguramente se haya debido al botín de incursiones pasadas y melenudas en ciertas haciendas aristocráticas....

    En fín, mein lieber Herr Amaba, como recompensa a sus atinadas disquisiciones silentes, éste su Herr Von y seguramente el ínclito Herr Holm ( a pesar de sus preferencias caninas ), recomiéndanle "Nerven" por su interés sociológico anclado éste durante los principios de la República de Weimar, un filme muy interesante y deudor de esos tiempos germánicos turbulentos.

    Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...