23.3.09

Nosferatu (F.W. Murnau, 1921) (IV)

Quedaramos, cando eramos todos máis novos (Murnau un rapaciño que agora xa vén de cumprir os 120) e a burbulla inmobiliaria aínda non estourara, con Hutter amañecendo trala trabada de Orlok (volvermos sobre a trabada no futuro, despois doutros ataques). En contraposición coa encarnación do terror que mostraba a súa face a noite anterior, Hutter desprendía serenidade, felicidade e coma sempre inxenuidade. O almorzo estaba na mesa, xa falaramos sobre iso aquí, así que continuamos a partir de aí.

Antes facer un inciso, cabe destacar que neste tempo, a miña biblioteca medrou cun novo exemplar que será de moita utilidade para esta andaina. Despois de estar longo tempo detrás del, dei cun exemplar, a prezo razoable, do Murnau de Lotte H. Eisner. Corresponde á edición inglesa, edición que trae unha reprodución (traducida) da copia do guión de Galeen, concretamente a do propio Murnau (coas súas anotacións), deste Nosferatu que nos ocupa. Unha ferramenta máis para botar algo de luz. Polo pronto, podo dicir que unha escena que pasei por alto (intencionadamente) contra o principio do filme, para recupera-la ben preto do desenlace (por considerala de extremo interese), nunha sutura máis nesta historia; foi unha adición do propio Murnau.

Sobre o guión
Cando tire del, figurará en Recanto Silente unha tradución ao galego das partes a tratar, é previsible tamén que no futuro escriba un pouco sobre el e as escenas das que se prescindiu en Nosferatu (o que non quere dicir que Murnau non utilizara algunha noutras películas, tamén o veremos) ou as posibles escenas perdidas do metraxe orixinal. Pero quen teña interese no guión completo, pode consultalo aquí, é unha copia exacta (dou fe) do que aparece no libro de Eisner.

Unha vez tratada outra dualidade Orlok-Hutter, un señor da noite e outro do día, coma seres complementarios. Temos a Hutter contemplando a paisaxe namentres ordena as súas ideas para redactar unha carta á súa amada.

Na redacción da carta podemos observar a un Hutter que tenta autoenganarse, atribuíndo os buratos do seu pescozo ás picaduras duns mosquitos. Será tal vez a negación dun feito arrepiante? ou que a presunta encarnación do mal non fora cousa tan terrible?

Unha vez terminada a carta (máis tarde poremos atención ao destino), aparece en escena un personaxe bastante enigmático. Tiraremos de guión para tentar aclarar un tanto a situación:

Escena 45
14 metros Poczamok

Un home a cabalo aproxímase. Párase de cando en vez e mira cautelosamente cara o castelo coma se o temera.

Fóra do pórtico:
Hutter está alí, axitando a carta. O xinete achégase cautelosamente e colle a carta sen desmontarse. Despois foxe ao galope amosando signos de gran temor.

(Resaltadas, as anotacións de Murnau)

E o vídeo da escena:






Como podemos ver na secuencia, o resultado final non se parece demasiado ao escrito no guión, en ningún momento se reflexa ese pavor cara o castelo por parte do xinete. Cunha altísima probabilidade o xinete non se viu noutra, debe ser un extra da zona, aínda así chama a atención que nin sequera haxa trazas de que estea a seguir o guión.



Unha das cousas que nos choca a primeira vista deste peculiar cabaleiro é a súa vestimenta, que fai un fulano en camisón pola fraga? Se reparamos nel no plano máis curto (cliquen na imaxe para vela ampliada), vemos que en realidade trátase dunha sorte de camisa longa e un pantalón que a efectos monocromos é cor carne, se retrocedemos un chisco, comprobamos que o home dos cabalos (de feito había varios) xa ía así vestido na súa primeira aparición, podemos concluír que é unha vestimenta típica da zona, o certo, non teño nin idea de si realmente o é.



Pero hai algo moito máis estraño, que facía ese home tan lonxe a tal hora?. Establezamos como condición inicial que non hai erros (o guión non nos dá máis pistas das que xa se deron, polo que non poderemos estar seguros de se é conscientemente así ou se é froito dun descoido). Anteriormente xa determinaramos o funcionamento do reloxo, de vampírica sincronía, polo que estas 12 e media pasadas, correspóndense coas 6:32/33 da mañá, practicamente co nacer do día. O almorzo non debería ter durado moito, tirando moi polo alto poñamos que o encontro co xinete se produciu a iso das oito. Como comprobaramos con Hutter (na secuencia onde se meteu a pata coas tinturas na nova restauración) a viaxe ao castelo dende a pousada supón un traxecto que dura dende o amencer (ou se cadra a mañanciña) ata moito despois do solpor (segundo Orlok, case media noite), por tanto, o encontro é de todo menos casual (aínda que así o pareza), o xinete ben saíu a mañá anterior facendo noite na fraga (e non parece equipado para iso) ou estivo toda a noite en ruta. Non nos queda máis que remitirnos a unha forza invisible que dirixe os acontecementos, máis tarde volveremos sobre esta idea facendo fincapé nos distintos elementos que a reforzan.

Obviamente a cuarta entrega da interminable análise de Nosferatu non remata aquí, pero cómpre publicalo para deixar arriba un artigo con temática cinéfila. Xa editarei para continuar con este segundo acto que ten moito que rascar, tamén teño que arranxar aínda algunha que outra cousiña que non quedou ben no novo deseño do blog. Silentes saúdos.

2 comments:

  1. Hola, qué tal David H.,

    Muy chulo el nuevo diseño, con las nuevas generaciones de monitores hay que irse adaptando a la anchura creciente. Y que siga la serie sobre Nosferatu, yo creo que se podría hacer un blog sólo sobre esa película y tener siempre material para publicar... bueno a lo mejor exagero un poco, pero no mucho.

    Un saludo.

    ReplyDelete
  2. Qué hay Roberto,

    Desde luego que la exageración no es muy grande, si un patán como yo le va a sacar un montón de entradas (no tengo ni una idea aproximada del número final), no quiero pensar cuántas le podría sacar alguien con tus conocimientos.

    El cambio de diseño clamaba al cielo desde hace mucho (principalmente por lo de la anchura), he tuneado un poco la plantilla pero aún tengo que echarle mano para corregir algunas cosillas, por ejemplo cómo se ven los comentarios en las entradas, ahora diminutos (y eso que venía tal cual en la plantilla que me descargué).

    Gracias por el comentario, a ver si soy un poco persona y comento algo en Kinodelirio (de pasarme y leer no me olvido) que hace ya un mesecito que está publicado el esperado artículo del monolito y ni un par de tecleos asintiendo, dejé.

    Saúdos

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...