18.4.09

Der Knabe in Blau (F.W. Murnau, 1919)


Desta volta falamos do filme máis antigo de Murnau, un filme que é moi posible que nin se chegara a estrear. Está producido (Ernst-Hofmann-Film-Ges) e protagonizado por Ernst Hofmann, o guión é da súa muller, Hedda Hofmann (por aqueles tempos Ottershausen), inspirado no cadro The Blue Boy de Gainsborough. Na foto de arriba pódese ver como se copiou o cadro (un óleo pintado para a ocasión) de Gainsborough substituíndo ao mozo de azul por Hofmann.


Non se conserva nin tan sequera o guión, só sobreviviron unhas cantas fotos. A propia Hedda Hoffman lembra o argumento do filme, publicado no Murnau de Eisner, e traducido a continuación:


Thoma von Weerth, o último supervivente dunha antiga familia nobre, vive na pobreza e o retiro cun antigo servinte, nun romántico castelo en ruínas rodeado de auga. Acostuma a contemplar o retrato dun dos seus devanceiros, co que se sente misteriosamente vencellado. É el a reencarnación dese mozo de azul que leva ao peito a famosa “esmeralda da morte” que tanto infortunio trouxo á súa familia? Para eludir a maldición, outro dos seus antepasados escondeu a alfaia nalgún lugar do castelo, e Thomas, obsesionado polo retrato, rexistra en van cada recanto na súa procura. Unha noite, aparéceselle o rapaz de azul, guiándoo ata o lugar no que se encontra a esmeralda.

Cando se ergue, von Weerth atopa a esmeralda no lugar indicado no soño, o seu servinte pídelle que se desfaga dela, pero el non atende.


Entón, chegan uns músicos ambulantes ao castelo e o mozo castelán namórase dunha rapaza xitana que, coa a axuda do patriarca do clan, teno baixo o seu control. Os xitanos arrebátanlle todo: a esmeralda roubada, o castelo queimado e o retrato estragado. Thomas cae enfermo pero é salvado polo amor puro dunha fermosa actriz, que lle devolve a alegría de vivir coa súa desinteresada devoción.



O castelo no que transcorre a acción no filme é o Wasserburg Vischering, que está na cidade de Lüdinghausen en Nordrhein-Westfalen, onde se rodaron tamén as escenas de exteriores, os interiores filmáronse nos estudios Saturn-Film-Atelier de Berlín.




No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...