5.6.09

Adeus Mundo Silente, benvidos habitantes do Pacífico Sur


Vai de novas, unha delas non ten demasiado de novo:


Tres anos e medio de proselitismo silente chegan á súa fin



Na rede hai dous traballos referenciais de recompilación silente. A decana filmografía de cine mudo de bluegardenia tivo a súa última e derradeira actualización hai xa 22 meses. Esta semana foi a Mundo Silente de satantango a que viu as súas derradeiras adicións (non haberá máis, aínda que o sitio afortunadamente permanecerá en liña), culminando así unha impagable andaina de 3 anos e medio, nova acollida con ledicia (pola posta ao día) e certo ar tristeiro e melancólico polo adeus.

Sen máis, desexarlle a mellor das sortes a satantango nos seus proxectos e agradecerlle o seu traballo en favor de que o cinema mudo deixara de permanecer calado.



Murnau chega ás pantallas da Galega



Si, non estamos a 28 de decembro, este sábado 6 de xuño a iso das dúas e cuarto da madrugada os pubs da Galiza presentarán unha desértica estampa porque a rapazada estará co nariz pegado á pantalla do televisor contemplando a última obra (e non por iso menos mestra) de F.W. Murnau. Na web da TVG lese:



TABÚ
Tabu / A story of the south sea


(Drama) Rodada en Tahití e Bora Bora retrata, de xeito case documental, os costumes e modos de vida da xente do Pacífico Sur, á vez que narra a historia tráxica de amor entre Matahi e Reri. Son un mozo e unha moza que viven na illa de Bora Bora, onde se manteñen as tradicións centenarias. Ata a illa chega Hitu, quen notifica a Reri que debe saír do fogar para converterse na virxe sagrada. Ela é tabú. Ante isto, a rapaza foxe con Matahi a outra illa, onde a influencia do mundo exterior é maior. Matahi é un pescador excelente de perlas, pero non consegue as suficientes para pagar a débeda que medra debido á súa xenerosidade. Os problemas complícanse porque Hitu os atopa...


Confiemos en que isto non supoña un feito illado na programación da Galega e que a copia exhibida estea na liña da última silente que vin na TVG hai uns meses (The General, coa edición MK2, a mellor que existe, que nin tan sequera saíu á venda en castelán, porén si se atopa na gloriosa mula, por suposto) e non coa deplorable calidade habitual das poucas películas dignas que emiten ás tantas. Ogallá cheguen novos filmes silentes que continúen corrompendo as ánimas da xuventude dende as pantallas da televisión pública.

Actualizo: Se ben a calidade de imaxe non foi pésima, si que hai copias moi superiores, porén o son era lamentable. Cabe salientar, por outra banda, que a película comeza coa montaña da Paramount (que adquiriu no seu tempo os dereitos de distribución, dereitos que venceron en 1948!!!), o que dá unha idea do noviña que era a copia exhibida. Non vexo nada lóxico iso de pasar unha película ás dúas e pico e aínda así estar a interrompela cada 20 minutos (por pequenos que sexan os cortes de publicidade).



Un vampiro de papel



Por se o “sub-especial” de Nosferatu incluído no Especial Murnau non estivera a ser xa extenso abondo, chega ás librarías o último traballo do apóstolo do Murnauismo. Luciano Berriatúa vén de publicar (seica saíu en abril, coma sempre son o último en saber destas cousas) o libro Nosferatu. Un film Erótico-Ocultista-Espiritista-Metafísico.

Souben da súa existencia onte pola noite de forma casual por Cayetana Guillén Cuervo (os camiños do Señor de Bielefeld son...). Alá que me fun hoxe pola mañanciña a Follas Novas, coa axuda dunha escada acadei o único exemplar que había nos acugulados estantes da colosal libraría. Pero o caprichoso sino agardábame unha última sorpresa, o prezo, 60 €urazos!!! Levaba “só” 54 no peto, outro par de moedas de dous euros e a ironía do momento sería total, libro deixado en custodia e retirado uns minutos despois, rematouse o comer este mes. Berriatúa introdúcenolo así:


NOSFERATU

Un film Erótico-Ocultista-Espiritista-Metafísico


Así era presentada en 1922 la película de Murnau Nosferatu, un clásico del cine de terror que fue concebido y producido por miembros de una logia ocultista para divulgar sus ideas.


Sobre esta película escribí un largo capítulo en mi libro Los Proverbios Chinos de F.W. Murnau publicado por Filmoteca Española en 1992.

Han pasado casi 17 años y en ese tiempo se han corregido errores y han aparecido nuevos materiales que hemos creído oportuno dar a conocer aprovechando la salida en España del DVD de la última restauración de la película realizada en 2006.


Espero que este nuevo libro pueda ayudar a disfrutar de la visión de la película con nuevas claves que permitan aún más, si cabe, sentir los escalofríos que, como una ráfaga de aire helado “han sufrido” sus espectadores durante casi un siglo.


Obviamente, só tiven tempo de botarlle unha (literalmente) ollada superficial de atrás a diante. O desproporcionado do prezo (custoume máis có dobre volume dos evanxeos do Murnauismo) ten que ver coa inclusión da última restauración do filme en DVD, que por outro banda, xa tiña. Na parte interior da tapa dianteira do libro (como se ve na fotografía) teñen o seu sitio eses dous discos que editou hai uns meses Divisa en caixa metálica. Precisamente é Divisa a que edita tamén este libro, a mesma Divisa que se caracteriza polas chapuzas (algún día habería que falar con documentos gráficos dos seus intertítulos deste Nosferatu e Caligari) e por demostrarme que aínda hai xente no mundo moito máis preguiceira ca min (que xa é moito dicir). Nesta restauración incluíuse un novo intertítulo que non figuraba nas anteriores, nin tampouco na lista de rótulos do libro de Eisner, pero que si aparecía no guión e era requirido pola propia película, non polo seu contido, superfluo coma algún outro, pero si porque no reencontro de Ellen e Hutter, parecían faltar uns cantos fotogramas, que non era tal, senón o oco para ese intertítulo. Pois ben, os moi nugalláns sincronizaron os seus “marabillosos” intertítulos e os subtítulos (nesta edición pódese elixir, na da vella restauración había que comerse os grotescos da casa ou desactivalos e aprender alemán) á nova restauración, pero nin de conta se deron de que había un novo rótulo. Menús e demais “extras” (aparte do par de anacos do documental El lenguaje de las sombras) son esencialmente os da antiga restauración que saíra primeiro con portada en cor verde (a que teño eu) e algún tempo despois en versión dourada coas verbas “edición coleccionista”, non fora a haber algún paspán que a volvera mercar esperando topar algo novo... Das fotos que aparecen na caixa de Schloss Vogeloed, falamos outro día (se vostede ten o DVD e non reparara antes, bótelle unha ollada).


Tendo Los proverbios, lido o artigo da Filmoteca que comentaba o outro día e vendo a parte do documental El lenguaje de las sombras onde se fala de Nosferatu, dicir que se cadra o libro non aporta tantas cousas novas como esperaba, pero si que nesa primeira ollada vin algo de material gráfico inédito e algún que outro artigo da época que non estaba nos evanxeos, pero non podo por menos que botar moito en falla a inclusión do guión do filme (algo se fala del e saen fotos dalgunhas follas, pero sendo un libro que vai só de Nosferatu...). Visualmente o libro non parece editado por Divisa, é ben bonito, tapa dura, boa calidade de papel e moitas fotos, 318 páxinas, pouca letra e ben grande e o par de DVD's, que agradecerán os que aínda non os mercaran e que lles amolará (por pagar dúas veces polo mesmo) aos que si. Xa falarei en condicións despois de telo lido pero é bo deixar estas palabras para que o lector decida se lle interesa, ou non, mercalo. Por certo, inclúese unha fotografía de Albin Grau (o outro día dixen que non se conservaba ningunha), pero non é unha fotografía nova para min, xa dera con ela nunha procura pola rede hai un par de anos, creo recordar que era nunha páxina sobre a OTO e levaba o nome da páxina derriba da imaxe, ou algo así, non lle dei moita credibilidade, a do libro é exactamente esa sen as letras impresas enriba, cunha calidade similar (pixelado e demais), será el entón.


No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...