1.6.09

Andrómenas e máis andrómenas



Tempo de reorganizar o sitio, o Especial Murnau seguirá marcando o futuro. Finalmente recuperaremos tódolos argumentos dos seus filmes perdidos (tirando do libro de Eisner), acompañándoos de cadansúa galería de imaxes (de existiren estas). Na análise de Nosferatu cheguei ao momento no que xa é ineludible falar de pintura, como diso sei (se é posible), menos ca de cinema, estou a escaparlle ao traballo. É evidente a relación entre a pintura e o cinema de Murnau en xeral, pero especialmente nalgúns filmes, así que aínda que algo falarei nas películas en cuestión, creo que é necesaria unha entrada adicional que trate o tema. Non é a única entrada específica que pide o especial, así de primeiras ocórreseme facer artigos para a Die Entfesselte Kamera (cámara desencadeada en galego), a sombra (así en singular, non confundir coa iluminación, que se cadra tamén precisaría a súa) e pode ser que algún sobre perspectiva (ángulos de cámara orixinais, decorados en falsa perspectiva, figuras recortadas e demais), pero todos estes temas técnicos non teño claro como encaralos, porque dende logo copiar información e vía, non é un dos obxectivos do sitio. Tamén é a miña intención que persoas fundamentais nos seus filmes, e máis as recorrentes, teñan o seu lugar, polo que na medida do posible falaremos un chisco sobre eses traballadores (xa sexa dentro das análises dos filmes, xa sexa nun artigo aparte), aínda que non descarto que algún deles sexa o protagonista dalgún especial futuro.


Exemplificando con Nosferatu, e aínda que a figura que desperte máis fascinación por toda a lenda creada arredor do filme, sexa a de Max Schreck (ao que veremos noutros dos seus traballos, algunha capturiña e pouco máis, non debe ter maior interese fóra da lenda); a máis interesante e enigmática é a de Albin Grau, sobre o que pouco máis da súa relación coas loxas ocultistas se coñece (non se conserva sequera un retrato seu, e incluso o seu nome “Albino Gris”, cheira a pseudónimo que tira para atrás), dicir dende xa que en Fra Pacitius (con ese nome era co que asinaba algúns dos seus artigos e pinturas ocultistas, aínda que tamén utilizaba o de Grau) non teño interese, polo que non penetrarei en temas exotéricos máis do imprescindible. Centraremos, pois, a nosa atención na súa figura en forma de tradución de artigos (escribiu algúns para promocionar Nosferatu, coma vampire), a publicación dalgúns dos seus debuxos (como o que acompaña esta entrada, dando unha idea de ata que punto era perfeccionista Murnau) e como non, prestando atención ao seu traballo noutros filmes (que moito me temo será só Schatten). Berriatúa escribiu un moi interesante artigo, “En busca de Albin Grau. Sobre el trasfondo exotérico de Nosferatu”, publicado no número 27 de “Archivos de la Filmoteca” (outubro de 1997), como ben indica o título, enfocado na parte exotérica (que repito, non é algo que me interese demasiado), pero alén diso (é un artigo extenso, 23 páxinas), atopamos outras cousas interesantes sobre Nosferatu e algunhas verbas sobre o seu documental sobre F.W. Murnau. O documental en cuestión ten por título El lenguaje de las sombras, e non me trabuco na lingua orixinal, algunhas semanas antes de chegar a este artigo xa descubrira que o que hoxe podemos ver de maneira fraccionada (e ata onde sei incompleta) nas últimas edicións dos filmes de Murnau en DVD, baixo o título de Die Sprache der Schatten con copyright do FWMS 2007; non é outra cousa que a serie documental que gravara o propio Berriatúa en 1995 para TVE. Despois de procurar bastante pola rede tentando entender certas cousas que non cadraban (por exemplo: por que no documental as imaxes que se amosan dos filmes non están restauradas cando precisamente esas restauracións correran a cargo do FWMS?), dei co pdf que vencello arriba, bastando esa escasa información para saír da miña perplexidade. Aínda que escribín a TVE para preguntarlle en relación á serie documental, cousas do tipo de se se chegara a emitir pola televisión pública ou se TVE conservaba dereitos de emisión (parece claro que non); falando mal e pronto, pasaron de min como da merda, un par de meses despois sigo sen ter contestación. Haberá que insistir un chisco, ou un non tan chisco, e esperar unha contestación antes de facer conxecturas e soltar improperios. Como mostra do complicado que lle resultou a Berriatúa conseguir que a “Televisión de todos” lle producira o documental, di no seu artigo: “Pero con ser esta unha aventura apaixonante para min, o que resultou unha auténtica aventura foi convencer a Televisión Española de que producira unha serie de documentais sobre un director do cinema mudo alemán. Chema Prado, o director da Filmoteca Española, estaba convencido de que era unha boa idea e pelexou por ergue-lo proxecto. Tardamos un ano e medio en conseguilo”. Se algún día teño acceso á serie documental completa, tamén terá a súa entrada no blog, por agora só vin un par de anacos que supoñen pouco máis dunha cuarta parte da serie completa.


Tamén parece ineludible falar das múltiples lendas que circulan arredor de Nosferatu, alén de comentar a película de Merhige, se cadra “ficciono” un chisco, e doulle certa forma ás lendas, se non é así, non as incluirei.


Algo que non podía faltar e do que non son moi amigo, é unha biografía. Como non me gustan, aparte de publicar unha tradución da súa archicoñecida autobiografía (por aquilo de que seguramente en galego non se poda atopar por aí), farei un collage con declaracións de persoas que o coñeceron máis para definir a súa personalidade que a súa vida, que me resulta moito máis interesante que o típico e aséptico artigo de enciclopedia.



Sobre o que escribín referente a O mañá de Recanto Silente, definitivamente non haberá no futuro (non no próximo, polo menos) un lugar para definir o movemento expresionista no cinema (para compensar teremos unha entrada sobre o como de afastado estaba Murnau del). Unha das razóns polas que o ritmo de publicación do blog se ralentizou, foi a fonda admiración polo cinema do de Bielefeld, o que rematou por supoñer levar cada entrada cun tino se cadra excesivo, por iso aprazaremos o Especial Sjöström (co que sucedería algo similar) indefinidamente para que o sitio teña a oportunidade de acadar un certo ritmo cando finemos con Herr Plumpe (o que non quere dicir que non se vaia a comentar ningún filme do cineasta sueco ata entón). Aínda que os prazos e as datas carecen de sentido aquí (e se algún día se deron/dan, non lle presten moita atención), si que nun futuro máis próximo (signifique o que teña que significar iso), terán o seu oco aqueles especiais máis pequechos sobre a Lúa (algo esvaecido polo tempo transcorrido dende a súa concepción) e sobre a obra de Edgar A. Poe no cinema, adiantándonos un chisco, xa están feitos os subtítulos galegos para os filmes baseados en The Fall of the House of Usher, a curta homónima de Webber e Watson e o La Chute de la Maison Usher de Epstein (un deles xa está subido e o outro está morto de risa no disco duro, a ver se amañan os problemas de Opensubtitles e publico os enlaces).


Respecto a outras seccións, en Voceiros do silencio parece que a temática libre resultou un potente inhibidor, polo que non conten con novas entregas a medio prazo. En Era así, porén, si hai xente que me confirmou a súa intención de participar (xa saben que calquera está invitado), aínda que sen saber cando (lembran aquilo da inexistencia de prazos?), si cabe esperar participación. Dende a creación mesma de Si1ente en uns e cer0s intúo que están a agardar por certa entrada e a súa correspondente entrevista, pois ben, será a vindeira entrega.


Silandeiros saúdos


No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...