23.12.09

Der Bucklige und die Tänzerin (F.W. Murnau, 1920)




Der Bucklige und die Tänzerin (O Corcovado e a Bailarina), comezouse a rodar en 1919 e foi proxectada por vez primeira en xuño de 1920. Este é o argumento:

Wilton, un corcovado que sufriu durante toda a súa vida porque a súa enfermidade o convertera en repulsivo para as mulleres; volve sendo un home inmensamente rico de Java, onde descubrira unha mina de diamantes. Nun cabaré de moda coñece a Gina, unha bailarina que acaba de rifar con Smith, o seu rico amante de mediana idade. Por despeito, Gina acepta uns agasallos do corcovado, que aprendera en Java estraños segredos sobre cosméticos e perfumes. Ela incluso parece interesada na súa intensa vida, Wilton toma as súas bágoas de compaixón coma probas de amor. Pero a moza reconcíliase con Smith e comprométense, deixando Gina de acudir a ver a Wilton no seu estraño e suntuoso apartamento. Cando se lle acaban os elixires de beleza que el lle dera, volve por máis. El mistura un sutil veleno cos aceites e ungüentos, así, calquera que a bique, morrerá; mentres, ela descoñece estar inmunizada polo antídoto.

Smith, a primeira vítima, morreu con misteriosas convulsións. Gina comeza a sospeitar de Wilton cando un barón novo, Percy, do que estaba apaixonadamente namorada, empeza a te-los mesmos síntomas. Sae correndo á casa de Wilton. El, tolo de paixón, bícaa, pero cando tenta achegar o antídoto aos beizos, a moza arrebátallo para salvar a Percy. Wilton corre tras ela, caendo polas escaleiras, estira o brazo nun último intento desesperado cara a bailarina topando nada máis ca aire.

O papel principal foi para John Gottowt, que máis tarde faría do profesor paracelsián Bulwer en Nosferatu. A interprete feminina foi Sascha Gura (na foto da dereita).

Como sucedera con Satanas, o traballo de guión (Mayer) foi considerado máis importante có de dirección, ata tal punto que algúns diarios nin tan sequera nomeaban a Murnau. A crítica contemporánea fala dun filme de imaxes fermosas, cun desenrolo non sempre conveniente, véndose a miúdo eclipsado polos maxistrais decorados de Robert Neppach. Escribiuse que esta historia gañaría cunha posta en escena “estilo Caligari” (onde un dos guionistas fora o propio Mayer). O crítico de Film Kurier foi máis xeneroso, fala dun curioso guión que por momentos transita por un erotismo achegado ao vulgar, para ocasionalmente esbozar unha profundidade mística digna de Poe ou Meyrink. Sobre o traballo de Murnau escribe: “Endexamais vin unha produción onde os personaxes floten atmosfera semellante; desprende un perfume tal que os aromas traídos polo corcovado de Java.” Vemos xa, nun dos primeiros traballos, referencias á capacidade de Murnau para xerar climas. Poderiamos estar ante un primeiro paso na consecución da Stimmung do Kammerspielfilm.

Aquí comezaba a relación profesional entre Murnau e Mayer, quen sería o guionista máis importante da súa carreira. Mayer, Murnau e Freund (camarógrafo deste filme) volverían cruzar os seus camiños cinco anos despois para facer historia con Der letzte mann.




Información extraída do Murnau de Lotte H. Eisner

No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...