19.3.10

A dona de Stoker e os dereitos de autor

Unha das informacións que acompañan a todos os artigos sobre o filme, é que non se quixeron pagar dereitos de autor, mudando os nomes orixinais para tentar facer pasar Nosferatu por unha obra distinta a Dracula. A cousa non está tan clara.

Hai un feito contrastado, Prana non pagou un can a Florence Stoker. Ben, isto é todo canto se pode dicir con absoluta certeza, o resto está cheo de contradicións.

Se nos vamos ao guión, vemos que na lista completa de intertítulos que había ao comezo do exemplar de Murnau, os nomes xa son os definitivos (distintos dos de Drácula) e os mesmos que aparecerían durante todo o guión. Nesta listaxe de intetítulos interésanos especialmente o número 2: "baseado na novela Dracula de Bram Stoker, libre adaptación de Henrik Galeen." Isto debería disipar toda dúbida sobre as intencións de Prana-Film de non pagar dereitos facendo pasar Nosferatu por unha obra orixinal. Porén, esta relación de títulos sabemos que tivo algunha pequena modificación (incluso unha adición, que si figura no guión pero non aquí), aínda que podemos estar seguros de que no caso deste intertítulo concreto, si que figurou cando menos na copia alemá de 1922 da que foi tirada o internegativo que se conserva no Bundesarchiv-Filmarchiv, de onde saíron os intertítulos orixinais presentes na restauración de 2006 feita por Berriatúa. Como vemos na captura que acompaña estas liñas, na parte inferior esquerda non figuran as siglas FWMS coas que se marcan os intertítulos que, seguindo a relación xa mencionada, se crearon para a restauración por non existiren/conservarse na copia alemá (que estaba bastante incompleta). Fose en moitas, fose en poucas copias, estamos seguros de que ese intertítulo chegou ás salas.

Por outra banda, Prana non nomea a Dracula ou Stoker en ningún dos múltiples escritos propagandísticos. Podemos ver no Vampiros de Grau (de 1921, mentres se rodaba o filme), como se atribúe a idea de facer Nosferatu ao incidente vivido polo propio Grau no fronte, en Serbia, no 1916. Xa en outro artigo publicitario saído en marzo de 1922 (mes da estrea de Nosferatu), falábase de que a idea na que se baseou o filme foi a contemplación [por uns directivos da Prana, personalidades que se viñan ocupando durante anos das Ciencias Ocultas] dunha araña zugando nas súas vítimas ata baleiralas por completo (Prana era unha produtora pequeneira, con iso das presonalidades Grau referíase a el mesmo). A seguir e antes de contar a película de principio a fin (os spoilers estaban á orde do día), falaban da necesidade de darlle corpo á idea, non só de amosar unha faceta do ocultismo, senón de facer unha auténtica película. E agora vén o curioso: “parece que nunha novela fantástica atoparon a historia sobre a que basear o filme”. O escrito procede da propia Prana, claro, resultando evidente pola descrición do argumento que é unha libre adaptación da obra de Stoker; mais por algunha razón non quixeron admitir abertamente que esa novela fantástica era Dracula (cousa que si dicía o propio filme).

Naquel tempo Bram Stoker xa estaba a facer abono, sendo a súa dona, Florence Stoker, a que se encargaba de velar polos dereitos da obra do seu defunto. Cando soubo da existencia do filme (abril), empezou a mover os fíos para que lle pagaran o que era seu. En xullo do 24, Florence Stoker reclamou 5000 libras á DAFU (que quedara cos dereitos e materiais da Prana). DAFU decidiu non pagar e apelar nun xuízo, feito que non agradou á viúva de Stoker, que pediu a destrución do negativo e tódalas copias.

Como era de esperar, o xuíz fallou a favor de Florence Stoker, destruíndose o negativo e todas as copias localizadas en xullo de 1925; por máis razón que tivese Florence Stoker na súa demanda, é lamentable que un xuíz mandase destruír o filme.

Dende entón, xa coa xustiza da súa parte, e ata a súa morte en 1937, unha das maiores preocupacións de Florence Stoker foi dar con toda copia existente polo mundo adiante. Non é que a prioridade de Florence fose eliminar as copias, pero ninguén ía pagar os cartos que reclamaba a dona de Stoker (que non resultarían rendibles), así que seguiu eliminando copias aquí e acolá. Sendo o caso máis significativo o da copia que gardaba Symon Gould, fundador do Film Arts Guild, que exhibiu en Nova York en decembro de 1929. A Universal púxose en contacto con Gould para acceder á copia con vistas á adaptación (autorizada) de Dracula que estaban a preparar. Conseguiron alugala durante tres meses coa promesa de non destruíla. En agosto de 1930 a Universal mercouna por 400 dólares, destruíndoa despois como parte do acordo con Florence Stoker para levar á gran pantalla a obra máis famosa do seu defunto esposo.

Un pode pensar que Prana tentou evitar problemas durante a rodaxe para poder acabar o filme, botando balóns fóra; unha vez rematado xa verían como atallar o problema dos dereitos, ou se cadra a intención era facer caixa mentres non se retirara o filme para desaparecer despois (de feito Prana-Film cesou toda actividade en xullo de 1922, só catro meses despois da estrea de Nosferatu).

No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...