5.11.10

Marizza, Genannt die Schmuggler-Madonna (1920)

Esta produción Helios-Film foi filmada inmediatamente despois de rematar a rodaxe de Der Gang in die Nacht, en outubro de 1920, nunha época frenética para Murnau, encadeando unha película tras outra antes de facerse un nome na industria alemá. Marizza poderíase encadrar nos seus "filmes campesiños", xunto a Der Brennende Acker, Die Austreibung, Sunrise e Our Daily Bread. A historia ía tal que así:

Marizza traballa duramente no exiguo campo de patacas da vella Yelina. Ela é fermosa e todos os homes a desexan, especialmente Haslinger o xendarme, inimigo dos contrabandistas. Yelina obriga a Marizza, como Carmen, a entreter aos homes da aduana para axudar a pasar o contrabando. Marizza, cansa da súa vida, consegue un traballo na granxa da Señora Avricolos e os seus dous fillos, Christo, un impulsivo e dinámico home novo, e Antonino, un estudante, soñador e tímido. A Señora Avricolos, unha aristócrata vida a menos, trata de facer negocio con Pietro Scarzella, un rico comerciante sen escrúpulos que explota aos campesiños e financia aos contrabandistas.

Sadja, a filla de Pietro, unha moza doce e delicada, ama a Christo; o pai quere que casen, especialmente dende que Christo perdeu unha morea de cartos con malas colleitas. Pero unha noite a Señora Avricolos non pode durmir e, indo á habitación de Christo para falar sobre o matrimonio, atopa alí a Marizza. Christo prométese finalmente con Sadja, abandonando a Marizza, esta foxe alén da fronteira con Antonino, o soñador, que a ama.

A Señora Avricolos consegue falar cos contrabandistas para buscalos: Mirko Vasics, o seu líder, quere traer de volta a Marizza para que os axude cos seus asuntos de novo. Grischuk, un da banda, víraos: “están esfameados e miserentos, Antonino toca o violín nas pousadas, e Marizza co bebé en brazos, recolle as moedas dos clientes.”

Cando Marizza empeza a coquetear outra vez con Haslinger, para axudar a Mirko, Antonino tolea de celos e ameaza ao xendarme coa súa daga. Para salvar a Antonino, Marizza mata a Haslinger, aínda que os seus esforzos son en van, Antonino incúlpase do asasinato. Mirko, pola súa parte, denuncia que Pietro está detrás do contrabando, conseguindo que o arresten. Os soldados rodean e plantan lume ás barracas dos contrabandistas. Marizza, que deixara a seu fillo na cabana de Yelina, sabe por Sadja que está en chamas. A nai non dubida en penetrar nas lapas para salvar ao neno, pero cando todo parece perdido para eles, son salvados do lume no último instante por Christo.

Para o papel principal elixiuse á artista búlgara Tzwetta Tzatschewa, sobre a que hai certa controversia no tocante á súa identidade. Berriatúa, cre que se trata da mesma actriz que Manja Tzatschewa, IMDb tamén as ten pola mesma persoa. Porén, Filmportal (que acostuma a ser unha fonte de información de maior confianza que IMDb), di que se tratan de dúas actrices diferentes, Manja, austrohúngara nada en Lemberg, cunha traxectoria máis prolífica e case oito anos maior e Tzwetta, búlgara de Peschtera, cunha curta carreira cinematográfica iniciada con este filme, cústame crer que Filmportal inventase dous lugares e dúas datas de nacemento para unha mesma actriz. O reparto tiña algunhas faces coñecidas como Greta Schröder (Sadja) e Max Nemetz (Grischuk), que máis tarde coincidirían en Nosferatu, ou Hans Heinrich von Twardowski (Antonino), que participou entre outras en Caligari, Von morgens bis Mitternachts e Phantom (posteriormente, tamén para Murnau).

Janowitz, que viña de escribir Das Cabinet des Dr. Caligari e que xa traballara con Murnau en Der Januskopf, fíxose cargo do guión sobre a novela Grüne Augen de Wolfgang Geiger, cunha "habilidosa adaptación" segundo o crítico de Lichtbildbuhne. Seica a "excelente posta en escena" de Murnau e o "admirable traballo de cámara" de Freund posibilitaron que a película non fose "para nada aburrida".

Volvemos "ver" un filme rodado en pouco tempo, partindo dunha historia non demasiado atractiva, tardando en estrearse (a carta de censura é de xullo de 1921 pero non se estrou en Berlín ata xaneiro do 22)... do que ningunha imaxe en movemento chegou aos nosos días, o cinema de F.W. estaba a piques de atopar un punto de inflexión.


No comments:

Post a Comment

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...