17.5.11

Subtitulando o Día das Letras Galegas


As Letras Galegas viven o seu gran día, dedicando a celebración este ano ao poeta e escritor monfortino, Lois Pereiro. Aproveitamos en Recanto Silente, para achegar algún novo subtítulo silente aos lectores, amais de corrixir os que xa publicaramos con anterioridade, así na sección correspondente, podedes atopar as revisións dos subtítulos de Körkarlen, Das Cabinet des Dr. Caligari, Nosferatu, Schloss Vogelöd, Sunrise e Tabu. Así mesmo, había algún subtítulo xa creado que aínda non publicaramos aquí, que tamén tivo a súa correspondente corrección. Imos alá cos novos:


Von morgens bis Mitternachts (Karlheinz Martin, 1920)

O caixeiro dunha pequena cidade xermánica, vese corrompido polo poder do diñeiro a raíz da visita dunha rica dama italiana. Rouba unha morea de cartos e abandónase aos praceres materiais na gran cidade.

Avala alguén con 10.000 marcos
a unha dama estranxeira?

Fai clic na imaxe para a descarga.
Axústanse á restauración do Filmmuseum de Múnic, que podedes atopar aquí ou aquí.

Die Strasse (Karl Grune, 1923)

Die Strasse é unha testemuña directa da crise moral que atravesa a nación alemá. É a historia dun funcionario afogado pola súa vida familiar que sente unha irremisible atracción pola vida nocturna, onde é seducido por unha moza. O drama transcorre nunha soa noite, véndose o protagonista atrapado nunha acusación de asasinato.

Que me pode dicir sobre o
asasinato cometido na súa casa?

Fai clic na imaxe para a descarga.
Podedes atopar a copia á que axustan os subtítulos aquí.

Scherben (G.W. Pabst, 1921)

Este kammerspielfilm narra unha traxedia familiar, a filla dun modesto garda de vía é seducida por un enxeñeiro ferroviario que non tarda en abandonala.

O inspector chega mañá.
Aloxarase na casa do oficial.

Fai clic na imaxe para a descarga.
Aquí tedes a copia coa que casan.

La chute de la maison Usher (Jean Epstein, 1928)

Buñuel e Epstein adaptan de forma libre o relato de Edgar A. Poe. Un viaxeiro recibe unha urxente misiva do seu amigo Roderick Usher, que lle fai chegar a súa preocupación por uns problemas de saúde que están a sufrir el e maila súa muller, Madeline. Usher, respondendo a unha tradición familiar, está a facer un retrato da súa dona, a medida que o cadro vai gañando en vida, Madeleine, pérdea.

Nesta mansión ameazando ruína, Sir
Roderick tiña estrañamente recluída
á súa muller Madeline, dominándoa
co seu nerviosismo tiránico.

Fai clic na imaxe para a descarga.
Axústanse a esta copia.

5 comments:

  1. Anonymous30/6/11 20:14

    Obrigado, holm, por ese traballo de subtitular na nosa lingua, pero ollo que si se entera o sr. Feijo e amigos vaite pechar o "chiringuito" por empregar o galego...

    ReplyDelete
  2. Vaia, isto interésalle a alguén, aínda que sexa Anonymous, non o esperaba. Non teñas medo que o das ghasiosas non se pasa por aquí, está ocupado en darlle subvencións a La voz de Galicia pola súa "promoción" do galego.

    ReplyDelete
  3. Anonymous2/7/11 13:32

    E que hai que agredelo agarimosamente, holm. Quen o diría deste país noso que polo menos hai dous blogs adicados ao cinema silente: o teu e da súa Serenísima Alteza von Galitzien..., e o teu no idioma propio. E fuxindo sen pretendelo acaso desa nova crítica do cinema galego "autoxestionado"...

    ReplyDelete
  4. Hola y muchas gracias por el link, perdona si no lo he visto hasta hoy. He puesto un link a este blog en el proyecto: cinemamutoeuropeo.blogspot.com

    He encontrado algunos datos sobre un colaborador italiano de Murnau: http://sempreinpenombra.wordpress.com/2011/06/30/roberto-basilici-un-italiano-nell-ombra/

    Gracias por el link (y por el blog)

    ReplyDelete
  5. Grazie mille, Thea, grande scoperta per me il blog Cinema Muto Europeo, molto interesante il link di Basilici.

    Saúdos

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...