20.7.11

Shadow of the Vampire (E. Elias Merhige, 2000)


O punto de partida de Shadow of the Vampire é moi interesante, basease na estendida lenda de que Nosferatu estaba interpretado por un auténtico vampiro. Este postulado obrigaba a certas licenzas, sendo a principal que as escenas de Schreck rodadas a pleno día, tiñan que pasar a ser de noite, obviando as dificultades que carrexaría cousa tal naquel tempo. Tamén introduciron, para seren consecuentes, que Schreck se faría pasar por un actor de método que ía actuar como un vampiro durante toda a rodaxe, diante e detrás das cámaras, estando por tanto apartado do equipo. Non había motivo, nin necesidade, de introducir máis cambios, pero si, mudáronse moitas cousas máis, aínda que dá a sensación de que case todas por puro desinterese na documentación.

O cometido desta sección é centrármonos máis nas reminiscencias silentes ca no propio filme. Dende o punto de vista cinematográfico, esta Shadow of the Vampire perde interese bastante rápido, como a idea mesma, é máis atractivo o posicionamento inicial ca o desenrolo. Alén da caracterización de Dafoe como Orlok, que ao igual cá de Schreck a súa fisionomía fai a metade do traballo, Mehrige non consegue rodear ao filme da atmosfera que precisaba. As actuacións, como a definición dos personaxes, están carentes de arestas, sobreactuadas nalgúns casos e sen ter clara a motivación en xeral. Sálvase algún momento de Dafoe e moi pouco máis.

Ellen, arriba Schröder, abaixo McCormack.
Imos ao que nos ocupa, cun pouco de interese poderíase ter sido fiel á rodaxe de Nosferatu e aproveitar circunstancias da realidade moito máis atractivas que as introducidas, para facer un filme moito mellor. Berriatúa, que aparece nos créditos como “Murnau consultant”, di que o foron visitar pero polo visto o encontro non tiña máis obxectivo que falar de alquimia, tema que a Luciano tamén lle encanta, porque non podían (ou querían) cambiar xa practicamente nada. Non vou enumerar todos os erros que detectei durante o filme (cantos máis haberá...), porque o artigo quedaría anormalmente longo e non tería maior interese, pero si o farei con algúns dos máis rechamantes.

O personaxe de Grau (interpretado por Udo Kier) di á prensa que o director do seu filme é Murnau, o máis grande dos directores da Alemaña, á altura de Griffith e Eisenstein. O mesmo Eisenstein que en 1921 sería coñecido na casa, pero que dificilmente tería sona mundial, cando nin tan sequera era director, o seu primeiro traballo data de 1923. Xa non é que non se preocupasen de documentarse sobre a rodaxe de Nosferatu, é que nin sabían consultar un dato tan fácil de atopar coma ese.

Por suposto non se segue a cronoloxía da rodaxe orixinal, comezan nos estudios da Jofa, en Berlín, para logo partir cara Checoslovaquia. Durante a rodaxe malamente viaxaran Murnau, Grau, Wagner, Schreck, von Wangenheim e unha cámara. No filme, por razóns obvias, Schreck non viaxaba con eles, xa estaba alí “preparando o personaxe”, pola contra viaxaba toda unha cohorte de traballadores da Prana (é un dicir, a Prana tampouco se nomea), incluíndo un operador de cámara ficticio (un tal Wolf) e o seu axudante, maquilladora, asistentes, dúas cámaras, un proxector, cantidade de focos e ata Henrik Galeen, anda que non había poderío!

Resulta curioso que uns fulanos que estaban máis interesados, ou só interesados, na parte ocultista, amosasen a Grau como un produtor que non se decataba nin de por onde pegaba o aire, que non soubese practicamente nin de que ía o filme (cando en realidade era idea del), que lle dixese incluso ao personaxe máis esmendrellante da fita, F.A. Wagner (do que agora falaremos), o seguinte: “mágoa que non poida aplicar as súas habilidades esotéricas na miña produción”, despois de que o bardallas do personaxe falase da cámara lenta como grande exclusiva mundial. Si, señores, o Gran Mestre da OTO (ou a que tocase no vinte e un) presentado como un fulano desinteresado polo ocultismo. Igual de ignorante aparecía o rosacruz Galeen, xa me dirán vostedes que carallo preparou esta xente.

Fritz Arno Wagner encarnado por Cary Elwes, no papel de "Fritzie".

Vamos agora con Fritz Arno Wagner. Murnau fora a Berlín na súa procura, unha vez que o tal Wolf fose atacado repetidamente por Orlok. Wagner, ou mellor dito, Fritzie a partir de agora, aterraba en Checoslovaquia só, para continuar coa rodaxe mentres Murnau apazugaba aos inversores (xa podía, porque entre a numerosísima comitiva, avionetas, reproducións a tamaño natural do Empusa onda o Castelo de Orlok pola reticencia do vampiro a navegar...). Pois iso, entraba en escena Fritzie, un personaxe fuxido de calquera produción americana adolescente de medio pelo, un rapaz ben parecido, sedutor, que vai de inventor da roda, experto en farmacoloxía... un flipado en definitiva.

Hutter, porque pouco hai que comentar de Eddie Izzard facendo de Gustav von Wangenheim, garda tamén un nulo parecido co personaxe do filme, o físico é o de menos, pero tanto interpretativamente como en canto a maquillaxe (píntanlle unhas enormes olleiras se ningunha razón de ser), en nada nos recorda ao Hutter do filme.

E Murnau, que hai de Murnau? Recoñezo que me encantaría ter visto ao Plumpe nunha lea semellante. O fulano máis perfeccionista e dado a controlar ata o máis mínimo detalle, que te poidas botar á cara, tendo que dirixir sobre a marcha a un vampiro que fai o que lle peta. É o que ten definir aos personaxes ao chou, con sorte acertas con algún, se cadra Schröder era a diva que amosan no filme, aínda que non parecía dar o perfil. Entre o Murnau que interpreta Malkovich (nada parecido nin en personalidade nin en aspecto) e eses actores que converten a súa actuación nunha imitación, debería haber un termo intermedio. Naquel tempo, un home que superase o metro noventa, abofé que destacaba, que menos que plasmalo no filme.


Os ollos de Nosferatu
Cando publiquei o artigo de Albin Grau, Vampire, xa comentara que durante uns cantos visionados para min Nosferatu xacía no cadaleito cos ollos abertos. Foi precisamente ese artigo, o que me abriu os ollos (pechándollos ao vampiro, como sempre foi). Ese efecto óptico, non só me enganou a min, Siegfried Kracauer tamén o vía así (deixándoo por escrito no seu libro From Caligari to Hitler) e da mesma maneira, os implicados nesta Shadow of the Vampire:
Schreck cos ollos pechados. Dafoe, con eles abertos.
Por suposto na fita fálase de Bremen no canto de Wisborg, as escenas que se amosan do Nosferatu orixinal son en branco e negro (o mesmo que as "reproduccións") e a arquitectura do castelo de Orava, non ten nada en común co de Luxemburgo onde se filmou.

Nótese o "exhaustivo" das composicións.
A mesmiña motivación...





Así pois, o filme ofrece moi pouco como tal e aínda menos como reminiscencia silente.

Produtor do filme e sobriño de Francis Ford Coppola.



2 comments:

  1. Además de esas licencias que indicas lo que menos me gusta de "Shadow of the vampire" es, como también mencionas, la falsa interpretación del personaje de Murnau que debe distar bastante del intelectual y sensible persona que debió de ser el Murnau real.
    Buen análisis, saludos.

    ReplyDelete
  2. Cuando pretendes crear una película que integre leyenda y realidad, ciertas licencias son inevitable, y otras incluso comprensibles, pero sí es cierto que tienes que reflejar al menos en parte esa realidad para que tenga sentido tu posicionamiento inicial. Al menos, si partiendo de ese supuesto, eres tan poco inteligente como para pensar que la documentación es innecesaria, crea personajes mínimamente atractivos, si quitamos a Schreck, el resto de personajes o no están definidos o están dibujados de una manera tan burda, como el caso de Murnau, que producen rubor.

    Saúdos MvsB, gracias por comentar.

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...