19.7.11

Un lustro de zarapalladas silentes


Tal día como hoxe de hai cinco anos, emprendín esta atolada andaina. A presente entrada non é outra cousa que a constatación do frenético bulir do tempo.

Ao inicio, un comeza con moitas ilusións e cun proxecto pouco definido, ata que non entra en dinámica é dificilmente consciente do que pode, ou non, facer (aínda que procurei ser sempre honesto sobre o que aquí se podía atopar, nada elevado, pois non son máis ca un afeccionado). Adiantei artigos nos que traballar coa fin de obrigarme a levalos a porto; coa perspectiva do tempo é evidente que foi un erro, incluso o feito de me comprometer, tivo efectos inhibidores. Nalgún que outro momento pensei en deixalo, o feito, feito está, e dende logo non se me pasou pola cabeza eliminar o sitio; pero si o sinto pola xente que se asoma de cando en vez a ver se hai algo novo, batendo continuamente coa realidade dun sitio en semi-abandono. Vai para dous anos do último artigo escrito na liña do que esperaba que fose este recuncho, e iso é moito, moitísimo tempo. Algún, se é que estas liñas chegan a ser lidas, estarase a esperar o peor dentro da indiferenza, pero non, non se trata dun epitafio, Recanto Silente seguirá aberto e susceptible de ser actualizado, tan achacoso e inconsistente como acostuma.

Non facía falla ser moi espelido para intuír que a participación no sitio sería pequecha, non deixa de ser unha constante en case que todos os blogues de temática minoritaria (e eu mesmo contribúo a este feito noutros webs que visito decotío). A calidade do ofrecido dende logo que non invita a que o caso de Recanto Silente sexa diferente. Estou moi agradecido a esa xente que fixo uso dos comentarios, o que sempre supón unha motivación para continuar. O que si me produce certa aflición, é o ínfimo interese do público galego por esta publicación, os comentarios e visitas dende Galiza supoñen unha pequena porcentaxe entre esa menoridade que se pasou nalgún momento por este recanto. Creo firmemente en que o galego non se ten que restrinxir a ningún ámbito, que na nosa lingua se pode escribir sobre calquera tema, por minoritario que este sexa; algo común ao resto de falas do planeta. A decisión de escribir en galego, non respondeu a ningún tipo de reivindicación, simplemente non concibo un proxecto persoal nunha lingua diferente á miña. Gustaríame reiterar as grazas a todos eses sitios que nos ligan, podedes velos no panel da dereita; aos que non deixades de nos visitar a pesar de todo; e especialmente tanto aos rapaces do Cineclube de Compostela pola súa labor na difusión dos filmes de autor en galego, con esa cada día meirande colección de subtítulos (entre os que se poden atopar uns cantos silentes); coma a Martin Pawley, por un traballo nunca abondo agradecido no eido da divulgación do cinema e a literatura, que nos dedicara unhas liñas aló polo remate do verán de 2008, no sexto número da Revista do audiovisual galego (entón era posible consultar os seus números dende o web, se segue a ser así, non dei coa forma). Tampouco quero esquecerme dos compañeiros de viaxe: Herr Graf Ferdinand von Galitzien e Antonio Belmonte; dos que tiveron a ben facer achegas ao sitio: Roberto Amaba (Bluegardenia), MurnauVsBuñuel, satantango e Jaime López; e de toda a comunidade p2p (representada no sitio por Cine-Clásico e DivX Clásico, aínda que é algo moito maior) que permite (compartindo copias e subtítulos) por vez primeira na historia da humanidade, que calquera se (nos) poida(mos) achegar a unha parte moi importante do cinema silente.

Se ben as actualizacións están a ser pobres e espaciadas, si levo un tempo a procurar axeitar os contidos xa publicados, amais do xa feito cos subtítulos (como comentei o Día das Letras Galegas), corrixindo e acondicionando artigos e seccións. Aínda me queda un bo traballo por diante cos textos (que mellor momento para acometelo), se non se pode dicir que os meus coñecementos cinematográficos medrasen significativamente nestes cinco últimos anos, cando menos a evolución na escrita é evidente (por moito que quede por diante), algo esperable ao partir dunha base tan feble. É inevitable o rubor que me produce ler anotacións antigas (e non tanto), pola desastrosa gramática e redacción, así como certo sentimento melancólico ao comprobar a paixón subxacente que existía entón e que se foi esvaendo cos anos.

Silandeiros saúdos

6 comments:

  1. Lamento no poder escribirte en gallego para decirte que el blog es de lo mejor en tema silente, y lo digo en serio, no por quedar bien. Somos pocos pero buenos (Viva la modestia!).

    ReplyDelete
  2. Tante grazie, Thea, per le tue parole.

    ReplyDelete
  3. Parece mentira que hayan pasado ya 5 años, felicidades. Éste blog y yo nacimos en distinto año, pero con un día de diferencia je. Ánimo para que siga creciendo, también pienso que es de los mejores.

    1abrazo.

    ReplyDelete
  4. Muchas gracias MvsB. Pues sí que lo parece, cada tópico sobre el paso del tiempo es aplicable.

    Saúdos

    ReplyDelete
  5. Por mor dos contínuos actos de lecer aristocrático ós que ten que acudir éste Herr Graf, non foi até hoxe que éste conde xermano ten a ocasión de poder darlle os parabéns polo seu grande e magnífico traballo encol do cinema silente que dende fai, MEIN GOTT!!! 5 anos leva vostede realizado e que dende logo éste Herr Von sigue con grande pracer, xa sabe... a querencia especial que ten a aristocrácia por calquera "delicatessen" sexa cal sexa ésta...

    ReplyDelete
  6. Unha melenuda aperta, Herr Graf, graciñas por ese imprescindible diario moderno.

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...