5.3.12

Satanas (F.W. Murnau, 1919)



Se o primeiro nin se chegara a estrear, este segundo filme de Murnau xa supuxo todo un éxito. Satanas é unha produción Viktoria-Film de alto presuposto, conseguindo xuntar a varios dos grandes talentos da escena alemá. Robert Wiene, que rodaría Caligari xusto a continuación, encargouse do guión e a supervisión artística; Karl Freund iniciaba aquí a súa aclamada colaboración como camarógrafo de Murnau; e Ernst Stern (decorados), deseñador favorito de Reinhardt, máis tarde traballaría en producións de gran calidade como Die Bergkatze e Das Weib des Pharao de Lubitsch ou Das Wachsfigurenkabinett para Birinski e Leni (desta volta no vestiario).
Diante dos focos, dous dos máis camaleónicos e prolíficos intérpretes masculinos do país, Conrad Veidt, amigo persoal de Murnau e ex compañeiro na troupe de Max Reinhardt (que seguiría a Wiene na súa vindeira produción), dá vida a Satanás ao longo dos tres episodios; e Fritz Kortner (Die Hintertreppe ou Die Büchse der Pandora) interpreta a Amenhotep no primeiro. Porén, do elenco feminino apenas chegaron obras aos nosos días, se ben Sadjah Gezza (Nouri a arpista), esta nun período de tan só catro anos, e Marija Leiko (Irene no terceiro pasaxe) teñen unha filmografía relativamente extensa.

Blade af Satans Bog
A estrutura do filme segue o camiño que abrira Intolerance de Griffith, articulada en tres episodios ambientados en diferentes épocas cun nexo común (neste caso a figura de Satanás), case contemporáneos son os colosais filmes Blade af Satans Bog de Dreyer, que aínda que se estreou despois iniciárase un ano antes, e Der müde Tod de Fritz Lang, estreada en 1921, todas elas obras que afortunadamente, ao contrario que Satanas, chegaron aos nosos días.

Eisner, a principal fonte de información deste repaso dos filmes perdidos de F.W. Murnau, dinos que o Plumpe fixo certas modificacións sobre o traballo de Wiene, sendo a principal alteración o uso que fixo de Satanas pechando e abrindo a cortina antes e despois de cada acto. Cortina da que, como tamén apunta a historiadora, volveu botar man en Faust, cando Mephisto espía tras ela a escena da sedución da Duquesa de Parma.

O programa do filme amósanos o engadido dunha sorte de prólogo goethián, onde Lucifer, o anxo caído, lamenta a perda do seu halo. Deus promételle que o salvará se tan só consegue atopar unha persoa que sexa capaz de extraer o ben do mal. Aínda que o intenta ao longo do tempo e o espazo, os seus esforzos son en van. Esta pasaxe lémbranos a esa promesa que fai a Morte na xa nomeada Der müde Tod.


A primeira parte de Satanas titúlase “O tirano”. Amenhotep, Faraón de Exipto, está namorado dunha moza escrava que toca a arpa, Nouri. O Faraón nomea inspector de xardíns a un rapaz chamado Jorab, ao que Nouri fai pasar por seu irmán, cando é en realidade o home que ama. Jorab, pola súa parte, só ten en mente a unha muller que viu unha única vez nun pozo cando aínda era un simple pastor.

Ernst Hofmann é Jorab.
O ermitán de Elu, o único home que fora capaz de interpretar un soño do Faraón, rexeitara todos os tesouros que lle ofrecera Amenhotep como recompensa, pedindo unicamente que se lle permitise asistir a un dos seus tribunais de xustiza. Cando ve que o dirixente perdoa a un adúltera non se impresiona pola súa clemencia pois asegura que antes do amencer Amenhotep terá a verdadeira oportunidade de amosar se é en verdade un xuíz sabio.

Nouri pídelle ao ermitán que a axude a atopar á muller que cando cativa salvara á súa nai de ser inxustamente acantazada ata a morte. Prometéralle a súa nai que se ía dedicar á súa benfeitora, á que recoñecería por un broche coa efixie da deusa Pha. O ermitán díxolle a Nouri que lle pedise ao Faraón a chave que levaba ao pescozo: “esa chave abre sete portas, detrás da sétima atoparás á muller que andas a procurar”. Despois o ermitán leva a Jorab a través das sete portas ata a habitación de Phahi, a desatendida esposa do Faraón, a moza resulta ser a muller da que Jarob estaba namorado.

Os choros de Nouri ao atopar a Phani e Jorab abrazados alertan ao Faraón, que sentenza aos adúlteros a ser executados antes do amencer. Ao quedar soa con eles, Nouri identifica a Phani polo seu broche como a muller que salvara a súa nai. A seguir, Nouri tapa a Phahi co manto real que lle dera o Rei, mais non para a salvar, senón para que sexa ela mesma a que poida morrer con Jorab. Os verdugos lévanse a Nouri e ao rapaz, atopando o Faraón só a Phahi cando regresa ao amencer, media tola pola dor. Ela prégalle que diga o nome do seu amante, para que ela poida morrer con el nos seus beizos.

O ermitán transfórmase nun enorme anxo da morte, Lucifer, que atravesa o palacio esmagando baixo o seu desprezo a mediocridade dos mortais.



Este é un dos dous únicos fragmentos conservados (un na filmoteca de Zaragoza e outro no Xapón), ambos os dous escenas eróticas entre Sadjah Gezza e Fritz Kortner.

O segundo episodio, titulado “O Príncipe”, está sacado de Lucrèce Borgia, melodrama romántico de Victor Hugo. É canta información nos achega Eisner sobre a trama deste segundo acto.

O terceiro ten lugar sobre 1917. Hans Conrad, fillo de pais alemáns de clase baixa, é un estudante de dereito en Zúric. Labra amizade cun grupo de refuxiados rusos, en especial con un que responde ao nome de Ivan Grodski.
Grodski (Veidt) e Hans (Wolfgang)
Cando estoura a Revolución Rusa, Hans, esperando converterse no líder dos oprimidos, vaise con Grodski á pequena cidade alemá que o viu nacer. Alí a multitude revolucionaria proclámao o seu líder e toma o castelo.
Ao principio Hans é contrario a toda forma de violencia, mais co tempo, Grodski fai que asine ordes cada vez máis brutais. Busca consolo nunha muller chamada Irene que coñece por casualidade, ambos os dous ignoran a identidade do outro.
Marija Leiko é Irene.

Paulatinamente Hans emborráchase de poder. Un complot estáse a fraguar coa intención de derrocalo, e Irene, que é a filla do anterior propietario do castelo, acepta a tarefa de asasinar ao déspota, aproveitando que coñece un pasadizo á súa habitación. Pero a trama é descuberta, Hans manda aos gardas á entrada do túnel, aínda que se horroriza ao descubrir que a apresada é Irene, dá a orde de execución con frialdade. Godski fítao con desprezo ao comprobar que non é o gran home que cría, transformándose nun xigante, que Hans, pobre mortal, identifica como Satán.

Neste último episodio, Murnau volve facer cambios nas imaxes suxeridas por Wiene, na secuencia da revolución dálle máis vida á loita das barricadas, dinos Eisner.

Como xa comentamos nalgunha outra ocasión, sendo unha constante nos primeiros filmes de Herr Plumpe, boa parte da crítica ignora a labor de Murnau, centrando os afagos na "dirección cinemática" de Robert Wiene, de traxectoria máis extensa, os decorados de Stern e a fotografía de Freund.

Estreouse na Arxentina no 1920 co título Satanás dictador, quen sabe se como xa sucedeu recentemente con algún outro filme, un día destes nunhas vellas latas...


 


A meirande parte das imaxes que acompañan este artigo proceden de Film-Kurier.

1 comment:

  1. Seguro que lo encontramos! y todos los demás!

    ReplyDelete

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...